O programa especial do Entroido xuntou sobre o escenario aos catro cómicos, que protagonizaron un divertido sketch no que non faltaron os albaneis e as Cantareiras de Ardebullo. O veterán espazo da Televisión de Galicia dirixido por Xosé Ramón Gayoso conta cada venres con Federico e Pepo no papel de dous xubilados moi particulares.

Cartel de excepción no Luar especial de Entroido. Marcos Pereiro e Xosé A. Touriñán uníronse o pasado venres a dous dos cómicos xa habituais do espazo (Pepo Suevos e Federico Pérez) para provocar as gargalladas do público do programa máis veterán da Televisión de Galicia.

Aproveitando o famoso muro que Donald Trump pretende construir na fronteira de Estados Unidos con México, Touriñán e Pereiro convertéronse en xefe de obra e albanel para valorar como proceder coa polémica obra. Do outro lado, Federico Pérez e Pepo Suevos, comentando a xogada desde o outro lado da valla, e mesmo converténdose nas mesmas Cantareiras de Ardebullo.

No Entroido, por suposto, vale todo!