Touriñán estrearase na ficción nacional en ‘Fariña’, a gran aposta de Antena 3 para a próxima temporada

O actor cullerdense será Paquito Charlín, un dos fillos dun dos narcos da historia baseada na novela homónima de Nacho Carretero, producida por Bambú Producciones para Atresmedia. Será o primeiro gran proxecto de Touriñán como actor fóra de Galicia, logo da ampla traxectoria que acumula en programas e series da TVG.

Xosé A. Touriñán é Paquito Charlín en Fariña, a nova serie de Atresmedia. | Foto: Atresmedia

Touriñán dá un salto que non por agardado deixa de ser noticia. Fariña será o seu primeiro proxecto de ficción como actor fóra de Galicia, a primeira serie na que participará para unha canle de ámbito nacional. Unha historia baseada no libro de Nacho Carretero sobre o mundo do narcotráfico no noso país nos anos oitenta, protagonizada por  Javier Rey, Tamar Novas, Fran Lareu, Cristina Iglesias e Chechu Salgado.

Os antigos traficantes de tabaco galegos deciden apostar por algo moito máis grande, máis lucrativo pero moito máis arriscado: o mundo da droga. En pouco tempo o 80% da cocaína que desembarca en Europa chega ás nosas costas, e os narcos amplían a súa influencia á sociedade, que diante de evidentes dificultades económicas entra nun perverso xogo no que uns poucos controlan unha impoñente maquinaria para facer cartos.

Unha historia non tan vella que en Galicia moitos viviron en primeira persoa, e que grazas á aposta de Bambú Producciones e Atresmedia coñecerán con todo luxo de detalles os espectadores de Antena 3 a partir do próximo outono no resto de España.

Touriñán, no papel de Paquito Charlín

Paquito Charlín, un dos fillos dun dos grandes narcos, será o papel que interpretará Xosé A. Touriñán en Fariña. Na serie, que se rodará integramente en Galicia, intervirán ademais outros tantos actores galegos como Carlos Blanco ou Antonio Durán Morris.

Nunha rolda de prensa celebrada onte en Santiago de Compostela, Ramón Campos, produtor da serie, explicou que están previstos dez capítulos nunha primeira temporada, que poderán ser dez máis se os datos de audiencia son satisfactorios.

Touriñán compaxinará nos próximos meses as xornadas de gravación de Fariña con outros tantos proxectos, tanto na Televisión de Galicia como de humor en directo nos escenarios de diferentes localidades do noso país.

Parte do equipo de Fariña, na rolda de prensa celebrada onte en Santiago. | Foto: @DR_Redons
Artigo anterior
O emotivo final da xira de ‘Agora en serio’
Artigo seguinte
‘Tiempos de Guerra’, o novo proxecto televisivo de Federico Pérez en Antena 3

NOTICIAS RELACIONADAS

Portada » Caderno » Touriñán estrearase na ficción nacional en ‘Fariña’, a gran aposta de Antena 3 para a próxima temporada