Touriñán estrea “Monólogo do imbécil”

O Pazo da Cultura de Narón acolle este venres e sábado a estrea de “Monólogo do Imbécil”, un novo espectáculo de contacontos escrito e dirixido por José Prieto e protagonizado por Xosé Antonio Touriñán.

monólogo do imbécil

O texto, gañador do Premio Max de Teatro 2003 ao mellor texto en lingua galega, trata sobre Santi, alguén a quen todo lle sae mal.

Argumento

Que fago eu aquí… como un imbécil? Esa é a pregunta que se fai o protagonista, quen procura comportarse coma os demais: ten ilusión por ir á escola, coma todo o mundo; por ter un traballo, coma todo o mundo e por casar cunha rapaza, coma todo o mundo. Pero sempre pasa algo que acaba deixándolle cara de parvo. É certo que ten unha tendencia a estar sempre nas nubes. E, ás veces, queda parvo mirando a ningures… así que un día decide mirar atrás na súa biografía para buscarlle sentido ás cousas e, para isto, remóntase ao momento mesmo da súa concepción e, aínda máis, a cando só existían un espermatozoide algo parvo e un óvulo despistado! Así, comeza a fialo todo desde o principio ata o preciso momento en que llo conta ao público.

O actor culleredense é actualmente unha das caras máis coñecidas da televisión galega, cos seus papeis semanais en Buscando Ardebullo e no Land Rober. O humor en directo é o seu, e sobre o escenario Touriñán tamén se converte en Manolo Lojo, un dos seus monólogos máis solicitados. Ademais, en 2015, estrea xunto a Federico Pérez o espectáculo cómico ‘Curtis & Teixeiro’, e interpreta un dos personaxes protagonistas da comedia teatral de Javier Veiga ‘Amigos ata a morte’, compartindo elenco con Ledicia Sola e David Amor.

Despois da súa estrea en Narón, a función chegará aos teatros de cidades e vilas de toda Galicia entre os meses de abril e xuño. As entradas custan 3 euros e xa están á venda en Ataquilla e nos puntos de venda habituais.

Artigo anterior
Celta e Depor, unidos pola doazón de sangue
Artigo seguinte
“O derbi dos artistiñas” volve na previa do Celta – Depor

NOTICIAS RELACIONADAS

Portada » Caderno » Touriñán estrea “Monólogo do imbécil”