Touriñán e Marcos Pereiro, xuntos de novo na TVG en ‘Nós’

Trátase de tres especiais que a Televisión de Galicia emitirá durante estas festas. Os actores e humoristas cullerdenses farán un repaso pola historia do noso país en clave de comedia, con argumentos centrados en tres datas moi especiais como a Noiteboa, a Noitevella e a noite de Reis.

nos

Os Dous de Sempre volven xuntos á TVG polo Nadal. Nós é o título da última produción da súa produtora, Osdous Ardebullo, que a canle pública emitirá nestas festas dentro da programación especial que prepara para o remate deste ano e o inicio de 2017, e que hoxe presentou na súa web.

Trátase de tres programas especiais pensados para a toda a familia, compostos por diferentes sketches centrados nas tres grandes festas destas datas: Noiteboa, Noitevella e Reis.

O argumento do programa xira ao redor de cada unha destas celebracións na casa dunha familia galega. En cada ocasión xorden dúbidas sobre a orixe e os costumes da festa que están a celebrar, que resolve un curioso narrador que conduce ao espectador por diferentes momentos da historia do país, con multitude de personaxes interpretados por Xosé A. Touriñán, Marcos Pereiro, Pepo Suevos e Federico Pérez.

A prehistoria e os construtores de megalitos, a romanización, -con lexionarios e castrexos- a Idade Media e os construtores de catedrais, campesiños e fidalgos, ou mesmo os emigrantes na Idade Moderna, son algunhas das épocas e situacións que se sucederán ao longo dos programas, de media hora de duración cada un deles.

O prólogo dun ano moi especial

A emisión de Nós na Televisión de Galicia introducirá un ano moi especial para Touriñán e Pereiro. Foi en 2002 cando comezaron como dúo cómico. As Cantareiras de Ardebullo -nos inicios de Verdillo- popularizáronse ata límites nunca imaxinados, sobre todo logo do seu paso polo Luar, o programa no que durante varios anos foron as grandes estrelas cada venres.

Viñeron logo programas como A Casa da Conexa, varios programas especiais de Nadal, e Buscando Ardebullo, un formato no que o Manolo Pereiro, o pai de Marcos, se uniu a Os Dous de Sempre.

Ainé, na produción de Nós

O programa que a Televisión de Galicia estrea este sábado contou co equipo de Ainé nas tarefas de produción, encargándose tanto da dirección de produción como de todo o equipo que durante máis dunha semana percorreu Galicia nas diferentes localizacións escollidas polos directores do programa (Xosé Castro, Carlos Ares e Andrés Mahía, xunto cos propios Touriñán e Pereiro).

Artigo anterior
Baleira recibe este venres a Manolo Lojo
Artigo seguinte
Así foi o noso 2016

NOTICIAS RELACIONADAS

Portada » Caderno » Touriñán e Marcos Pereiro, xuntos de novo na TVG en ‘Nós’