Touriñán e Marcos Pereiro celebrarán unha gran festa o 14 de outubro polo seu quince aniversario

O plató de Tex45 Producións (a antiga discoteca LP45), na localidade coruñesa de Ordes, acollerá o sábado 14 de outubro a festa coa que os actores cullerdenses pecharán o ano do seu quince aniversario.

Ilustración: Leandro Lamas

Cando no ano 2012 dous amigos que anos antes se coñeceran no colexio público de Tarrío, en Culleredo, probaban por primeira vez xuntos as súas dotes cómicas sobre un escenario non imaxinaban o que tiñan por diante.

O seu éxito foi o dun xeito de facer humor que marcou durante máis dunha década o xeito de facer humor neste país. E a vixencia deste éxito quedou probada cun espectáculo, ‘Agora en serio’, co que Touriñán e Marcos Pereiro foron quen de encher os teatros e auditorios de toda Galicia e facer rir a milleiros de persoas cun recordatorio, en forma de espectáculo teatral, do seu traballo nestes quince anos.

Rematadas as funcións, chega o momento da celebración. E que mellor que unha festa ao grande! Con amigas e con amigos, pero tamén con seguidoras e seguidores, toda esa xente que durante tanto tempo encheu os campos da festa e as casas da cultura. Todas e todos, todo o país, está convidado o sábado 14 de outubro.

La Oca será a encargada de poñer a música e o baile antes de que un DJ peche a festa de madrugada. Unha verbena moi especial na que haberá sorpresas. “Unha festa de aniversario, a nosa festa de aniversario, que non queremos que ninguén perda”, responden Marcos e Touriñán á pregunta de que será exactamente o do día 14 en Ordes.

 

 

 

Artigo anterior
Touriñán e Marcos Pereiro despiden o seu aniversario coas últimas datas de ‘Agora en serio’
Artigo seguinte
‘Viradeira’ chega á Televisión de Galicia este domingo

NOTICIAS RELACIONADAS

Portada » Caderno » Touriñán e Marcos Pereiro celebrarán unha gran festa o 14 de outubro polo seu quince aniversario