A Sala Barts acollerá o 19 de xaneiro un espectáculo inédito dos cómicos galegos, na que será a súa primeira actuación conxunta fóra de Galicia. As entradas están xa á venda a través da páxina web da sala barcelonesa.

O humor galego chega co novo ano a Barcelona. Xosé A. Touriñán e Carlos Blanco, os cómicos máis en forma do panorama da comedia en Galicia, actuarán por primeira vez xuntos fóra do noso país. Será na coñecida Sala Barts da capital catalá, o domingo 19 de xaneiro, cun espectáculo inédito que recollerá o mellor do aclamado repertorio dos actores e monologuistas.

Na páxina web da sala están xa á venda as entradas, cun prezo de 18 euros. A cita, prevista para as 19.30, chega nun momento especialmente doce tanto para Touriñán como para Carlos Blanco. O actor cullerdense triunfa coa xira de Fariña, achegándose á cifra dos 20.000 espectadores en menos de dous meses. Pola súa banda, o arousán grava desde o mes de novembro ‘Los Favoritos de Midas’, unha miniserie para Netflix dirixida por Mateo Gil e protagonizada por Luis Tosar, e La Unidad, dirixida por Dani de la Torre para Movistar+.

2019 foi un ano especialmente intenso e exitoso para a parella Blanco – Touriñán sobre os escenarios: á xira de Somos Criminais de 2018 seguiu a comedia de Javier Veiga ‘Unha noite na praia’, coa que encheron tamén boa parte dos teatros e auditorios de Galicia.