O novo espectáculo de Carlos Blanco e Xosé A. Touriñán bate todos os records de venda de entradas con 19.209 billetes despachados a cincuenta días da estrea na Illa de Arousa. O cartel de entradas esgotadas está xa colgado en Pontevedra, Viveiro e A Illa. En ao menos doce das dezaoito datas da xira está prevista máis dunha función, no caso concreto de Vigo serán catro, e na Coruña seis.

Touriñán e Carlos Blanco preparan o seu espectáculo conxunto, ‘Somos Criminais’

A historia da comedia en Galicia prepara as súas páxinas para que Somos Criminais, o novo espectáculo de Carlos Blanco e Xosé A. Touriñán, ocupe en poucos meses un lugar ben destacado. O motivo? Os máis de 20.000 espectadores aos que os actores arousán e cullerdense agardarán en pouco máis dun mes nos teatros de toda Galicia. Deles, máis de 19.000 teñen xa a súa entrada para asistir nunha das dezaoito localidades coas que queda debuxado o mapa da xira que comezará na Illa de Arousa o 30 de marzo.

Carlos Blanco xogará na casa na estrea. Para as tres funcións na Illa (30 e 31 de marzo) están as entradas xa esgotadas. Vimianzo, o 13 de abril, será a segunda localidade que visite Somos Criminais, con dúas funcións previstas (20.30 e 23.00 horas), e entradas só dispoñibles para a segunda. Ao día seguinte (14 de abril) a cita será en Viveiro, con dúas funcións (20.30 e 23.00 horas) coas entradas xa esgotadas.

O 20 de abril Touriñán e Carlos Blanco visitarán Ferrol (20.30 e 23.00 horas), con entradas esgotadas para a primeira función. Ao día seguinte viaxarán a Cangas (20.30 e 23.00 horas), tamén con entradas só dispoñibles para o segundo pase.

Na Coruña haberá seis pases (venres 27, sábado 28 e domingo 29), e as últimas entradas están dispoñibles para as dúas funcións do domingo.

Somos Criminais chegará o 4 e o 5 de maio á provincia de Lugo, con funcións en Vilalba e a capital respectivamente. Nesta última localidade están previstas dúas funcións (20.30 e 23.00 horas), con entradas dispoñibles só para o segundo pase.

O 11 de maio a cita terá lugar en Vilagarcía de Arousa (20.30 e 23.00 horas), o 16 de maio en Melide (20.30 horas) e o 18 e 19 en Santiago de Compostela, no Auditorio de Galicia, con dúas funcións previstas para cada día coas entradas xa case esgotadas.

Serán tamén catro as funcións en Vigo (25 e 26 de maio), e haberá dúas en Ourense o 1 de xuño (20.30 e 23.00 horas) e Pontevedra o 2 de xuño (onde as entradas están xa esgotadas).

As últimas citas co espectáculo desta primeira xira serán en Ponteareas (8 de xuño ás 20.30), A Rúa (9 de xuño ás 20.30), Burela (15 de xuño ás 22.30) e Narón (17 de xuño ás 20.30).

Toda a información sobre as localidades, datas, horarios e venda de entradas está dispoñible en www.somoscriminais.gal