A Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG) xa anunciou os nomes dos nomeados aos XX Premios María Casares, a gran festa do teatro galego cuxa gala terá lugar o próximo 30 de marzo no Teatro Rosalía de Castro da Coruña.

MG9A2138

A obra “Presidente”, de Teatro do Morcego, e protagonizada, entre outros, polo actor Federico Pérez, acadou un total de 5 nomeacións. Entre elas, a de mellor espectáculo, dirección, actor secundario, actriz secundaria e texto orixinal.

A Fede, ou Josito –que é así como todo o mundo o coñece polo seu papel en Padre Casares- podemos velo presentando cada xoves “Desafío nos Fogóns”, programa da Televisión de Galicia no que o principal obxectivo é a procura do mellor cociñeiro afeccionado das principais vilas galegas. É tamén protagonista do espectáculo cómico Curtis&Teixeiro, co que xira por Galicia neste mes de marzo xunto co seu amigo Xosé Antonio Touriñán.

Pero non só o éxito de Padre Casares fixo deste lingüista e guionista de Mazaricos unha das caras máis imprescindibles do audiovisual de Galicia. No seu currículo están tamén os seus papeis en Era Visto!, en Libro de Familia, O Show dos Tonechos, Mareas Vivas ou Air Galicia, entre outros.