Pepo Suevos, á fronte da gala dos María Casares

Un total de trece espectáculos, nomeados ás catorce categorías nas que se dividen os premios. A gala terá lugar o mércores 29 de marzo no Teatro Rosalía de Castro de A Coruña.

O actor, guionista e monologuista Pepo Suevos será o encargado de dirixir e conducir a gala dos XXI Premios de Teatro María Casares, os galardóns cos que a Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG) recoñecen e estimulan a labor da profesión teatral.

Será nun acto que se celebrará o vindeiro mércores 29 de marzo no Teatro Rosalía de Castro de A Coruña. Un total de 13 espectáculos compiten polos 14 galardóns nos que se dividen os premios, sendo O Tolleito de Inishmaan, de Contraproducións e FIOT Carballo, un dos espectáculos con maior número de nomeacións. A obra, que conta con Marcos Pereiro no seu reparto, aspira a 11 dos 14 galardóns; seguida de Eroski Paraíso, de Chévere, que opta a 8 María Casares e Raclette, de Ibuprofeno Teatro, e Voaxa e Carmín, de ButacaZero e Eme2, que competirán en cinco categorías.

A entidade organizadora dos galardóns (AAAG) decidiu encargarlle a dirección e presentación da gala deste ano a Pepo Suevos, que conducirá a cerimonia con humor e constantes críticas ao pulso diario entre o teatro e a administración.

Pepo Suevos comezou a súa traxectoria artística como contacontos e monologuista, para despois ampliar as súas facetas como actor de cine, teatro e televisión. Traballa ademais como guionista en diferentes programas da Televisión de Galicia (TVG), razón pola cal o presidente da AAAG, Ernesto Chao, destacouno como “unha garantía máis” para o espectáculo.

Suso Montero, un dos escenógrafos máis prestixiosos do noso país, repite un ano máis como director de arte dun escenario polo que tamén pasarán os/as intérpretes María Roja, Marta Lado, Roberto Leal, Alberto Rolán, Patricia Torres e Josito Porto, ademais dunha banda formada por cinco músicos encargados de darlle á gala María Casares 2017 un toque de son cubano.

Artigo anterior
Abegondo acollerá este domingo un novo ‘derbi dos artistiñas’
Artigo seguinte
Redondela e Carballo, novas citas cos consellos de Marcos Pereiro para estar en forma

NOTICIAS RELACIONADAS

Portada » Caderno » Pepo Suevos, á fronte da gala dos María Casares