Dous dos actores máis populares do país cambian nos próximos meses a pequena pantalla polos escenarios para participar en producións teatrais de gran formato. Marcos Pereiro en O Tolleito de Inishmaan, dirixida por Cándido Pazó (Contra Producións), e Federico Pérez en Get Back, dirixida por Jorge Coira (Emedous).

carteis

Moncho, Kevin José ou Nucha seguirán, se cadra, nas pantallas dos fogares de media Galicia. Será, en todo caso, coa emisión de series e programas gravados nos últimos meses, porque Marcos Pereiro e Federico Pérez teñen outros plans neste outono.

Cándido Pazó dirixirá a Marcos en O Tolleito de Inishmann, un texto do dramaturgo angloirlandés Martin McDonagh que trae a Galicia Contraproducións. Estará acompañado por actores da talla de Santi Romay, Susana Dans, Ana Santos, Evaristo Calvo, Luis Iglesia, María Roja e Ricardo de Barreiro. A estrea está prevista para o 14 de outubro no Pazo da Cultura de Carballo.

Podería ser unha aldea galega pero é unha pequena illa irlandesa. Anos 30. Personaxes curiosas, pintorescas, características… Seres máis ou menos adorables, máis ou menos odiosos que, nun mundo física e humanamente isolado, viven as súas vidas cativas como poden e como saben. Entre eles un tolleito, un ser desfavorecido que ten unha arela que para el semella extremadamente difícil: transcender ese ámbito cerrado que está obrigado a habitar; un eivado que persegue un soño que nel parece empresa imposible: ser amado e valorado como calquera outro. 

Get Back, unha obra de Diego Ameixeiras dirixida por Jorge Coira e producida por Emedous é a aposta de Federico Pérez no seu regreso as taboas logo de percorrer o país con Presidente. Estará acompañado por un elenco de luxo: Alfonso Agra, Tamara Canosa, Mercedes Castro e Miguel Guido. A estrea está prevista o 23 de setembro no Pazo da Cultura de Narón.

Son cinco e van nun vagón de metro. Son cinco e teñen moitas cousas en común. Pero eles non o saben. Aínda. Saben que van no mesmo vagón de metro. Saben de onde veñen, pero ningún está moi seguro de cara a onde vai. Son xente normal e están en Londres.