Os ‘artistiñas’ xúntanse de novo nun partido pola concordia no derbi

As caras coñecidas da televisión e a cultura en Galicia participarán este sábado en Baiona nun partido de confraternización, horas antes do derbi de Balaidos. A iniciativa enmárcase, por segundo ano consecutivo, dentro da campaña ‘Imposible sen ti’. Xogadores veteráns de Deportivo e Celta únense desta volta aos artistas e tamén participarán no partido, que arbitrará o actor Antonio Durán Morris.

imposiblesenti
Foto: Jorge Landín

Quedou atrás o tempo no que as horas antes do derbi galego entre Celta e Deportivo eran só tensión. O nacemento o pasado ano da campaña ‘Imposible sen ti’, apadriñada polos dous clubes, veu a abrir unha nova etapa de concordia entre afeccións, á que se sumaron algunhas das caras máis coñecidas da televisión e a cultura en Galicia.

Humoristas, presentadores, xornalistas, actores e mesmo cociñeiros participaron xa o pasado ano nun partido moi especial entre celestes e branquiazuis que se repetirá este sábado, na fin de semana do Celta – Deportivo en Balaidos. A cita terá lugar o sábado ás 17.00 horas no campo Val de Martín de Baiona, e contará coa presenza de, entre tantos outros nomes, Xosé A. Touriñán ou Federico Pérez.

‘O derbi dos artistiñas’, o nome co que se bautizou a iniciativa hai un ano, complementa á campaña publicitaria apadriñada por ABANCA, que xira ao redor dun spot publicitario que acumula xa máis de 30.000 reproducións en YouTube, e que produciou Tex45 Producións en colaboración con Ainé Producións.

O anuncio fala da relación entre Celta e Depor nunha familia. Unha historia que ten tamén ao mar como protagonista, algo que tamén une ás dúas grandes cidades galegas.

Anxo (Toño Casais) é o pai de Roque (Roque Blanco). Marcha traballar ao mar na noite do derbi, e despídense no peirao cunha sentida conversa sobre a importancia dalgunhas decisións. Xa á noite falan nunha videochamada durante o descanso do partido e comentan as xogadas máis polémicas. O spot ven a deixar clara unha evidencia: sen un deles dous e da súa paixón, o derbi só sería un partido de fútbol.

Artigo anterior
Federico Pérez e Xosé A. Touriñán convértense de novo 
nos detectives Curtis & Teixeiro
Artigo seguinte
A historia de Anxo e Roque, o novo de ‘Imposible sen ti’

NOTICIAS RELACIONADAS

Portada » Caderno » Os ‘artistiñas’ xúntanse de novo nun partido pola concordia no derbi