A peza de Martin McDonagh, dirixida por Cándido Pazó e na que tamén participa Marcos Pereiro, contará co actor ferrolán desde o próximo mércores, no papel do mariñeiro Babbybobby.

tolleitoinishmaan
Foto | Marcos Pereiro

Logo de triunfar nos María Casares con cinco premios, O Tolleito de Inishmaan segue de xira polos teatros de media Galicia, desde o próximo mércores con novidades.

Se o pasado mes de marzo María Roja deixou paso no elenco a Melania Cruz no papel de Helen, é agora Pepo Suevos quen releva a Ricardo de Barreiro no papel do mariñeiro Babbybobby, uníndose ao equipo que completan Santi Romay, Evaristo Calvo, Susana Dans, Ana Santos, Luis Iglesia e Marcos Pereiro.

Pepo retoma así a súa faceta de actor teatral, logo de formar parte en 2000 e 2001 das compañías Uvimóvil Teatro e Os sete magníficos máis un. Faino nunha das pezas mellor valoradas dos últimos anos no panorama do teatro galego, dirixida polo actor e dramaturgo Cándido Pazó e producida por Contraproducións.

As próximas oportunidades para asistir ás funcións de O Tolleito de Inishmaan non se farán agardar demasiado. Entre mércores e sábado estará no Teatro Principal de Compostela, o 6 de maio visitará Cangas e o 16 e o 17 de maio chegará á Coruña.