Get Back, o espectáculo teatral de Camilo Franco e Diego Ameixeiras dirixido por Jorge Coira, segue o seu percorrido polos teatros das grandes cidades galegas con Federico Pérez a bordo. Logo de tres funcións en Compostela esta fin de semana, a próxima parada será no Rosalía de Castro da Coruña.

getback
Foto: Marcos Pereiro

Un vagón do metro de Londres con só cinco pasaxeiros, cada un deles coa súa vida e as súas circunstancias… Todo o que pasa desde ese momento ten máis que ver coa psicoloxía, con como cada mente responde diante dunha situación que non agarda.

‘Get back to where you once belonged’, cantaban The Beatles. E o popular tema da banda británica serve para introducir ao espectador nese vagón, no que Federico Pérez, Miguel Guido, Tamara Canosa, Alfonso Agra e Mercedes Castro son os encargados de encarnar aos cinco protagonistas desta obra, idea de Camilo Franco, escrita por Diego Ameixeiras e dirixida por Jorge Coira.

Logo de representarse nos últimos meses do pasado ano en Vigo, Narón, As Pontes, Pontevedra e Ourense, ven de estar durante tres días no cartel do Teatro Principal de Compostela. A próxima semana visitará o Rosalía de Castro da Coruña, para seguir a súa xira en Noia, Lugo e Bertamiráns.