Tres dos espectáculos que marcaron a axenda cultural desta primavera en Galicia rematan na primeira quincena deste mes os seus respectivos percorridos polo país, pensando xa en novas datas para os meses do outono.

A conta atrás para o verán está en marcha. Tempo de festas ao aire libre, no que a programación teatral colle aire para preparar a temporada do outono, e no que os actores aproveitan para unha merecida pausa antes de retornar aos escenarios.

Tres dos espectáculos máis valorados desta primavera despídense temporalmente do público durante a primeira quincena deste mes de xuño. E con eles, os actores encargados de conquistar ao público: ás case 30.000 persoas que, entre todos eles, reuniron nos teatros durante estes últimos meses.

‘Somos Criminais’ é sinónimo de records. Trinta e tres funcións entre marzo e maio, e sete máis programadas para o mes de xuño. Todas elas coas entradas esgotadas desde hai tempo. Ponteareas, A Rúa (8 e 9 de xuño respectivamente), Burela e Narón (15 e 17 de xuño), serán as últimas localidades que Xosé A. Touriñán e Carlos Blanco visitarán nesta primeira xira. Anuncian, iso si, máis datas para o outono, repetindo en moitos dos lugares nos que colgaron o cartel de “entradas esgotadas” na primeira volta.

‘Coleccionistas’, o espectáculo de Marcos Pereiro, Oswaldo Digón e Santi Romay, con Cristian Leggiero na ambientación musical, rematarán a xira o 9 e 0 10 de xuño. Será no Carballiño e en Vigo, respectivamente, logo de visitar outras nove localidades nos últimos meses, sorprendendo ao público cunha impecable posta en escea a través de divetidas improvisacións interpretando obras de arte.

Pepo Suevos e Federico Pérez rematarán a xira o 16 de xuño, nunha última función no Carballiño. Nestes meses estiveron en Ponteareas, Ortigueira, Negreira, Cee, A Coruña, Cambados e A Illa de Arousa. ‘A culpa é do sistema’ é o nome dun espectáculo que xa fixo rir a centos de persoas, e co que ninguén quedou indiferente.

Todas as datas e os enlaces coa venda de entradas de todos os espectáculos está dispoñible na axenda da web de Ainé Producións.