Cita co espectáculo máis agardado dos Tristes

Marcos Pereiro e Federico Pérez levarán este sábado a Castelo, o pobo do seu amigo e compañeiro Xosé A. Touriñán, un espectáculo musical que completarán con diferentes actividades lúdicas e gastronómicas ao longo dunha noite que se presume inesquecible.

foto

Logo de dous anos de ‘Castelo Conta’, un espectáculo de monólogos promovido por Xosé A. Touriñán no seu pobo polas festas, Castelo dalle un xiro á programación deste ano apostando de novo polo humor. Será desta volta co novo espectáculo dos actores e humoristas Marcos Pereiro (inseparable compañeiro de Touriñán), e Federico Pérez. Son dúas das caras máis coñecidas da Televisión de Galicia pola súa participación en diferentes series de programas. Para este sábado virarán nos personaxes de Os Tristes, un dúo musical dos de sempre, dos que nin viven da música nin queren facelo, dos que interpretan ‘La ventanita del amor’ e ‘El vals de las mariposas’ dun xeito monótono cada fin de semana en verbenas e sesións vermú. Esta parodia, que está a ter un importante éxito televisivo este verán no programa Verbenalia, convértese agora en espectáculo cómico en directo, e Castelo será un dos primeiros lugares nos que Pereiro e Federico probarán o resultado.

Por se fora pouco coa música, o do sábado converterase en toda unha experiencia gastronómica tanto para os artistas como para o público. Os Tristes colocarán no escenario unha pota na que cocerán mexillóns durante toda a noite, incluso mentres cantan. Micrófono nunha man e cazo noutra, serán os encargados de repartir quilos e quilos, de xeito gratuito, entre os que asistan á festa.

Pero o contido gastronómico do evento do sábado non remata nos mexillóns. Un particular concurso de tortillas no que os propios Pereiro e Federico farán de xurado repartirá máis de 300 euros en premios, valorando orixinalidade, sabor e presentación.

Haberá tamén tempo para os sorteos: un xamón, uns chourizos, un par de botellas (de Larios e de viño), e unha noite especial (sen máis detalles) cos Tristes serán os premios aos que opte o público con rifas, que serán repartidas esa mesma noite, e o día anterior na gran churrascada que terá lugar en Castelo.

A cita terá lugar na polideportiva de Castelo, un recinto cuberto pero ao aire libre, cunha paisaxe incomparable, no inicio da subida ao Monte Xalo, no límite dos termos municipais de Carral e Culleredo.

Contra as 22.00 horas comezará unha festa que se prolongará ata altas horas da madrugada, e da que tamén participará o grupo ferrolán Antha, complementando o maratón de humor e música de Os Tristes.

A do sábado é unha das moitas citas desta fin de semana nas festas de Castelo, que comezarán o día anterior cunha verbena con Los Satélites e JJ&Son (churrascada incluida), continuando o domingo coa tradicional romaría do San Ramón, e rematando o luns coa actuación da orquestra El Combo Dominicano.

Artigo anterior
Nucha e Mucha apúntanse a Verbenalia
Artigo seguinte
Mucha e Nucha actuarán o 24 de setembro en Arzúa

NOTICIAS RELACIONADAS

Portada » Caderno » Cita co espectáculo máis agardado dos Tristes