O espectáculo de monólogos do Castelo Conta reunirá a algúns dos mellores cómicos de Galicia

Marcos Pereiro, Pepo Suevos, David Amor, Oswaldo Digón, Eva Iglesias e David Perdomo acompañarán a Xosé A. Touriñán sobre o escenario do Castelo Conta no gran acontecemento do festival, previsto para o sábado 25 de agosto.

Oswaldo Digón será, un ano máis, un dos protagonistas do espectáculo de monólogos.

A venda de localidades para o prato forte do Castelo Conta avanza a bo ritmo. A organización xa adiante que con toda probabilidade as entradas non chegarán a venderse o mesmo día do evento. A razón? O cartel dun espectáculo inédito e irrepetible, que en ningún outro lugar é posible ver. E é que, pola experiencia de edicións anteriores, o show de monólogos do Castelo Conta é sempre unha sorpresa, unha grata sorpresa.

Aos xa habituáis David Amor, Pepo Suevos, Oswaldo Digón e Marcos Pereiro únense desta volta Eva Iglesias e David Perdomo, os inseparables compañeiros de Touriñán no Land Rober, que subirán por primeira vez ao escenario do Castelo Conta, diante das tres mil persoas que, se o recinto finalmente se enche, gozarán co espectáculo.

As entradas, desta volta numeradas, están xa á venda a través de Ataquilla.com, e en catro puntos de venda físicos: Ainé Producións (A Coruña), os centros sociais de Celas de Peiro e Castelo (Culleredo) e QImpresión! (O Burgo). Os prezos van desde os 18 € (só o espectáculo) ata os 30 € (coa cea, o xantar e unha andaina polas aldeas de Castelo incluídas).

Galifunk Brass acompañará aos monologuistas sobre o escenario

Por segundo ano consecutivo a música será cousa de Galifunk Brass, a formación pontevedresa que xa o pasado ano fixo vibrar ao público antes e durante o espectáculo.

A andaina amplía a súa duración

Se interesante é o espectáculo de monólogos da noite, máis aínda a andaina do Castelo Conta. A idea de Xosé A. Touriñán de levar o humor e a tradición oral polas aldeas da súa parroquia foi das actividades mellor valoradas da pasada edición do evento.

Desta volta serán Quico Cadaval e Celso Sanmartín os encargados das contadas nas diferentes aldeas de Castelo nas que pararán os participantes, concretamente nos lugares de Xalo, Folgueira, Vilaverde e Castelo de Abaixo.

Todo comezará contra as 13.00, na polideportiva, onde gozarán dun gran xantar, para sair despois a camiñar. Unha ruta de sete quilómetros na que non faltará a música, a cargo dos Charangos.

Artigo anterior
Carlos Blanco e Touriñán levarán ‘Somos Criminais’ ao Castelo Conta
Artigo seguinte
Comedia, tradición oral e cultura rural, ingredientes do Castelo Conta máis ambicioso

NOTICIAS RELACIONADAS

Portada » Caderno » O espectáculo de monólogos do Castelo Conta reunirá a algúns dos mellores cómicos de Galicia