A noite de Reis, no último capítulo de Nós

O humor de carácter didáctico, centrado nas tradicións relacionadas co Nadal no noso país, ocupou parte da programación da TVG durante estas festas co novo programa de Touriñán e Marcos Pereiro. O terceiro episodio, centrado na festa de Reis, emítese este xoves ás 22.00 horas.

rosaliamurgia

Remata o Nadal con algunhas dúbidas resoltas sobre a orixe da árbore, a lotería, o discurso do Rei… Todo grazas a Nós, o novo programa de Touriñán e Marcos Pereiro que a Televisión de Galicia emitiu durante estas festas, e ao que lle queda un último episodio.

A cita será esta noite, ás 22.00 horas, na canle pública, desta volta cun episodio centrado na festa de Reis e as súas características: a relación entre o Apalpador, os Magos de Oriente e Papá Noel, a razón pola que se tiran caramelos nas cabalgatas, ou a tradición dos agasallos serán algúns dos temas sobre os que Lois Pastoriza (Xosé A. Touriñán) ilustrará aos espectadores, presentando divertidas recreacións en diferentes momentos da historia do noso país.

E é que ata agora con Nós coñecemos xa a prehistoria e os construtores de megalitos, a romanización, os Séculos Escuros ou mesmo nos situamos no lugar dos emigrantes na Idade Moderna. Foi nos especiais de Noiteboa e Noitevella, nos que o programa, producido por Osdous Ardebullo, acadou moi bos datos de audiencia.

Pepo Suevos e Federico Pérez completan o reparto desta serie de especiais, dirixidos polos propios Touriñán e Pereiro e por Carlos Ares, Andrés Mahía e Xosé Castro, e nos que o equipo de Ainé se encargou da produción.

Artigo anterior
Mucha e Nucha comezan o ano en Melide
Artigo seguinte
Cita triple con Touriñán no Carballiño

NOTICIAS RELACIONADAS

Portada » Caderno » A noite de Reis, no último capítulo de Nós