O domingo 26 de febreiro ao redor de 5000 persoas encherán o recinto feiral de Expocoruña nunha festa na que non faltará de nada. Actuacións musicais, inchables e ata deliciosas orellas e filloas conformarán a oferta para unha tarde cargada de sorpresas.

choqueir

A Coruña engade á súa ampla e tradicional programación de actividade polo Entroido unha cita máis. Choqueiriños, unha festa por todo o alto dirixida aos máis pequenos, celebrará a tarde do domingo 26 de febreiro a súa primeira edición.

O recinto de Expocoruña acollerá esta cita, na que as actuacións de Mamá Cabra, Magín Blanco e A Banda das Apertas e Paco Nogueiras serán as grandes atraccións dunha tarde na que as nenas e nenos que se decidan a asistir contarán tamén con outras tantas actividades.

Unha ampla zona de restauración con food-trucks e postos de orellas, filloas e golosinas permitirá tanto a pais como a nenos repoñer forzas durante a tarde. O evento desenvolverase entre 16.00 e 23.00 horas, e as actuacións musicais darán comezo a partir das 17.30. Antes e despois, a picadiscos María Faltriqueira será a encargada de animar aos asistentes.

As entradas para o evento, a un prezo de 6 euros cun refresco incluído, están xa á venda a través de Entradas ABANCA. Ainé Producións encárgase de diferentes tarefas de produción neste evento organizado por Expocoruña xunto con Radio Coruña – Cadena SER e Tex45 Producións.