Mucha e Nucha actuarán o 24 de setembro en Arzúa

Xosé A. Touriñán e Marcos Pereiro pecharán a xira deste verán das Cantareiras de Ardebullo na parroquia de Oíns (Arzúa), que celebra as súas festas na honra de San Cosme a penúltima fin de semana deste mes. As Fillas da Conexa subirán ao escenario no descanso da verbena, pasada a medianoite.

cantareiras

A última oportunidade para gozar co espectáculo de Mucha e Nucha xa ten data. O 24 de setembro de madrugada, na parroquia de Oíns (Arzúa), as Cantareiras de Ardebullo subirán por última vez nesta temporada ao escenario para facer rir ao seu incondicional público con algunha das súas historias.

Será a segunda vez que as Fillas da Conexa actúen neste parroquia arzuana (estiveron xa no ano 2009). Oíns será a última parada da ruta de Touriñán e Marcos Pereiro este verán por diferentes aldeas do país.

O humor de Mucha e Nucha segue a estar plenamente vixente: logo de conquistar a media Galicia desde o Luar da Televisión de Galicia hai xa varios anos, estas dúas irmás forman parte da historia recente da comedia no país, con case 50.000 seguidores nas redes sociais.

As Cantareiras cumpren, precisamente o próximo ano, 15 anos nos escenarios, fito para o que xa preparan actuacións especiais que permitirán aos seus fans revivir algúns dos mellores momentos en todos estes anos de humor e sorrisos da man das irmás máis queridas en Galicia.

Artigo anterior
Cita co espectáculo máis agardado dos Tristes
Artigo seguinte
Espectaculares datos de audiencia na despedida de Verbenalia

NOTICIAS RELACIONADAS

Portada » Caderno » Mucha e Nucha actuarán o 24 de setembro en Arzúa