O 19 de febreiro actuarán no auditorio da localidade pontevedresa, que hai menos dun mes acolleu unha das representacións doutro dos proxectos de Xosé A. Touriñán, Curtis & Teixeiro, con Federico Pérez. Será a primeira das actuacións en directo das Fillas da Conexa este ano, no que subirán de novo aos escenarios de decenas de festas en toda Galicia co seu aclamado humor.

cantareiras

O humor made in Ardebullo volve aos escenarios. Logo de varios meses ocupadas noutros proxectos, Mucha e Nucha reencontraranse co público o venres 19 de febreiro na Illa de Arousa. Será unha das primeiras actuacións do 2016, un ano no que celebran o seu noveno aniversario como dúo cómico, e no que percorrerán de novo as aldeas de media Galicia para facer rir a un público que non as esquece.

Para o espectáculo da Illa as entradas están xa á venda por 10 euros (12 na billeteira do auditorio o mesmo día da actuación) no bar O Museo, no Con do Moucho e na Administración de Loterías San Xulián. As Fillas da Conexa recuperarán para a ocasión os gags que teñen feito rir a decenas de milleiros de galegos e galegas na última década, combinados con renovados momentos cómicos que farán as delicias do público.