Melide, Ribadumia e Pontedeume, as últimas datas da xira de inverno de Manolo Lojo

Xosé A. Touriñán levará o seu monólogo en solitario a tres novas localidades nas próximas semanas, para comezar despois a xira do seu novo espectáculo con Carlos Blanco. Serán as últimas oportunidades deste inverno para coñecer a historia de Manolo Lojo, para quen todo pode ir a peor, unha conclusión consecuencia da súa tráxica biografía.

Touriñán interpreta a Manolo Lojo no seu monólogo en solitario, que levará a Melide, Ribadumia e Pontedeume.

Non contaba a nai de Manolo Lojo que o seu fillo nacera antes do previsto. Foi o anticipo dunha vida chea de dificultades, a de Manolo, pero que lle permitiu aprender cuestións fundamentais que agora conta nos teatros e auditorios diante de quen queira escoitalo. As próximas ocasións (e as derradeiras neste inverno) serán en Melide, Ribadumia e Pontedeume.

Xosé A. Touriñán ten por diante as que serán as tres últimas actuacións co seu monólogo en solitario, ao menos nun tempo, xa que o actor cullerdense conta os días para iniciar a xira do seu novo espectáculo con Carlos Blanco.

Melide, o venres 23 de febreiro ás 21.30 horas, será a primeira das oportunidades para coñecer a Manolo Lojo. As entradas están á venda a un prezo de 12 euros (anticipada) e 15 € (taquilla) en Muxica Tenda Xoven e o estanco Angarela. O espectáculo terá lugar na Casa da Cultura.

Ao día seguinte, ás 20.30 horas, a cita será en Ribadumia. A asociación Festeiros de Leiro promove esta nova oportunidade para gozar con Touriñán, no auditorio da localidade pontevedresa. As entradas, cun prezo de 15 € (anticipada) e 18 € (taquilla) están á venda en O Che (Barrantes), O Cruceiro Vello (Ribadumia) e A casa da Feira (O Mosteiro).

O sábado 10 de marzo ás 21.00 horas a coñecida Sala Coliseo de Pontedeume acollerá a última das datas previstas. As entradas, á venda a un prezo único de 15 euros, pódense adquirir en Pizza Miño (Miño), Axencia Eume Viaxes (Pontedeume) e Cervexería Boss (Ferrol – Esteiro).

Artigo anterior
Federico Pérez e o último spot de ‘Imposible sen ti’, candidatos ao Mestre Mateo
Artigo seguinte
Somos Criminais, camiño dos 20.000 espectadores a mes e medio da estrea

NOTICIAS RELACIONADAS

Portada » Caderno » Melide, Ribadumia e Pontedeume, as últimas datas da xira de inverno de Manolo Lojo