O gaiteiro Cristian Silva presenta no auditorio da Illa de Arousa o seu último traballo, Manual ególatra básico, nun concerto no que o humor correrá a cargo dun presentador moi especial, o cullerdense Marcos Pereiro.

Ás 21.00 comezará un espectáculo no que Silva estará acompañado da EGO Band, e no que non faltarán outras tantas sorpresas: Óscar Ibáñez, o guitarrista Xosé Piñeiro e a asociación Pentamorión Arousa completarán o cartel dunha noite moi especial.

O traballo de Cristian Silva está a obter sensacionais críticas pola capacidade do artistas de mesturar a tradición con técnicas de vangarda ou a música indie-pop.

Marcos Pereiro incluirá na súa intervención fragmentos dos seus últimos espectáculos cómicos, cos que ten xirado no último ano por diferentes teatros e auditorios do noso país.