Este espectáculo inédito pechará o próximo domingo a XXXVIII Festa do Pemento, que desde o venres se celebrará no recinto da Queixeira da localidade ourensá. A entrada será de balde, e no mesmo lugar do espectáculo será posible degustar pementos da Denominación de Orixe cociñados de moi diversos xeitos.

Empanada de pementos, pementos fritidos e asados, tortilla e ata xeado de pementos. Quen non os probe non ten demasiadas alternativas nesta festa que a localidade ourensá de Arnoia celebra a primeira fin de semana do mes de agosto. Tres días nos que milleiros de persoas visitan o recinto da Queixeira para degustar todo un manxar que conta incluso con Denominación de Orixe propia.

Aos actos e actividades que habitualmente rodean a parte gastronómica da festa súmase desta volta un espectáculo inédito que terá o humor como protagonista: tres dos cómicos máis coñecidos de Galicia xuntaranse o domingo, a partir das 22.30 horas, na primeira edición dunha gala bautizada co nome de ‘Arnoia con Humor’, que durante dúas horas provocarán as gargalladas do público.

O acceso será libre e de balde, e os asistentes poderán, no mesmo recinto, probar as diferentes elaboracións dos pementos de Arnoia e acompañalos doutro dos grandes protagonistas da festa: o Ribeiro.

Luis Zahera abrirá a festa o venres

Con humor rematará a festa o domingo, e con humor comezará a festa o venres. O actor Luis Zahera será o encargado de ler o pregón co que se dará por inaugurada a trixésimo oitava edición desta imprescindible cita.