Malo será! ocupou moitas das horas e dos días dun verán no que cada xoves visitaron unha localidade galega cun espectáculo de hora e media de duración: para os espectadores do teatro, pero tamén para os da Televisión de Galicia. O programa, producido por Tex45 Producións e no que participou Ainé, obtivo sensacionais datos de audiencia.

Foron amantes, curas, profesores, membros dunha comisión de festas, pais, fillos, ladróns, e ata homes primitivos. Malo será! converteu o seu verán nunha frenética aventura de páxinas e páxinas de guións. De sketches con convidados moi especiais. De teatros cheos. E de moitas, moitísimas risas.

Marcos e Fede foron dúas das grandes estrelas da Televisión de Galicia durante o verán. Acompañados por Lucía Regueiro, Lucía Veiga, Sabela Hermida, Oswaldo Digón e Isabel Blanco, percorreron Galicia de teatro en teatro cun espectáculo que convenceu tanto no patio de butacas como ao outro lado da pantalla. O motivo? Divertidísimos sketches nos que o sensacional elenco de actores e actrices do programa estivo acompañado por grandes convidados, entre os que destacaron Xosé A. Touriñán, Pepo Suevos ou Carlos Blanco.

Malo será! rematou a súa primeira temporada cun share por enriba do 16%, máis de seis puntos por enriba da media da canle pública. Para o recordo quedan oito programas que foron auténticos retos para os actores, obrigados a aprender guións de ao redor de cen páxinas en menos dunha semana, con tres días de ensaios por cada un dos programas e toda a esixencia derivada da gravación de calquera programa de televisión.

Marcos e Fede son hoxe, se é posible, máis queridos polo público da TVG, que xa agarda unha nova temporada dun programa baseado nun formato canario de grande éxito, que a televisión insular emita desde hai dezaseis anos.

Dirixido en Galicia por Andrés Mahía, e producido por Tex45 Producións, o programa contou con todo o equipo de Ainé nas tarefas de produción, nun proxecto único no noso país que levou a televisión a teatros de Vigo, Verín, A Coruña, Noia, A Illa de Arousa, Vilalba e Lugo.