‘Imposible sen ti’, marca da concordia

A repercusión da campaña ideada hai un ano para fomentar a boa relación entre afeccións de Deportivo e Celta supera todas as previsións e acelera a viaxe cara un derbi galego protagonizado pola concordia.

Artistiñas

Respírase outro ambiente só un ano despois dun spot que poucos agardaban. “Que non nos falten nunca!” -exclamaba entusiasmado un avó que recibía na súa casa á súa familia para ver xuntos o derbi. Era o inicio do Imposible sen ti, unha marca que en só un ano foi quen de converterse en todo un símbolo de concordia, capaz de vertebrar unha rivalidade ben entendida, ata agora impensable, que chegou para quedar no fútbol galego.

O presidente da Xunta presentaba un 17 de novembro de 2015 o que sería o primeiro spot da campaña ‘Imposible sen ti’, pensada polo equipo creativo de Tex45 Producións, capitaneado polo guionista Andrés Mahía e o actor Marcos Pereiro. “Sen o apoio dos clubes isto tería sido imposible” -recoñecía máis adiante Manuel López Cernadas, produtor executivo dos spots. E é que Deportivo e Celta volcáronse desde o primeiro momento, cedendo espazos publicitarios de balde, favorecendo a presenza de xogadores e adestradores en actos e presentacións, e mesmo suxerindo accións que complementaron a mensaxe fundamental da campaña.

Un grupo de actores e caras coñecidas da televisión e a cultura deron o seguinte paso. Xosé A. Touriñán e Carmen Méndez puxéronse ao frente de #oderbidosartistiñas, unha iniciativa que quixeron enmarcar dentro da campaña Imposible sen ti, e que a mañá do derbi de Riazor da pasada temporada xuntou a máis de vinte presentadores, actores, humoristas, xornalistas e músicos en Abegondo. Varios meses despois, repetirían na Madroa, e case un ano máis tarde (a pasada semana) en Baiona.

E é que varios meses despois o Imposible sen ti anotouse á carreira da solidariedade, en concreto á da necesaria promoción da doazón de sangue, que tantas vidas salva cada día. A marca viña que nin pintada para unha campaña que fixo que se batiran todos os records de doazón desde a traxedia ferroviaria de Angrois. E de celeste e branquiazul pintaron as súas facianas persoas anónimas, e tamén Pedro Mosquera e Iago Aspas, no que foi o segundo spot da campaña.

Entre tanto, as afeccións comezaban a trasladar o espírito do Imposible sen ti en Riazor e Balaídos, cantando xuntos o himno galego ao inicio de cada partido e formando grandes mosaicos coa bandeira de Galicia. A viaxe cara a concordia comezara.

Chegou a temporada 2016 – 2017, e chegaron Anxo e Roque. A entidade financeira ABANCA decidiu apadriñar a campaña e produciu un terceiro spot que bateu todos os records con máis de 80.000 reproducións en YouTube en menos de dez días. Un pai, un fillo e unha historia de rivalidade familiar nun pobo mariñeiro conquistaron a media Galicia, propiciando un paso máis na folla de ruta da non violencia, que terá continuidade no partido entre Deportivo e Celta na segunda volta.

Imposible sen ti é agora a marca da concordia, o espírito sobre o que xira a intención das afeccións de cara ao futuro máis próximo. O obxectivo? “Que o derbi galego non sexa declarado de alto risco o antes posible” -afirmaba Manuel López Cernadas na presentación do último spot en Vigo.

Porque logo de tantos anos de derbis na Coruña e Vigo se algo quedou claro é que de todos os partidos do mundo… este é o noso partido.

Ainé participou na produción dos tres spots publicitarios de ‘Imposible sen ti’, así como en todas as iniciativas relacionadas coa campaña, como o mosaico da bandeira galega a pasada temporada no estadio de Riazor, a organización dos partidos entre caras coñecidas da televisión e a cultura, ou a elaboración da imaxe gráfica da campaña e a xestión dos perfiles en redes sociais e a páxina web.

Artigo anterior
Touriñán enche por dúas ocasións en As Pontes co Monólogo do Imbécil
Artigo seguinte
Os pormenores da vida de Manolo Lojo, en Santiago e Sanxenxo

NOTICIAS RELACIONADAS

Portada » Caderno » ‘Imposible sen ti’, marca da concordia