A historia de Anxo e Roque, o novo de ‘Imposible sen ti’

ABANCA apadriña desta volta un novo anuncio da campaña, que desde o pasado ano une ás dúas afeccións ao redor dun sentimento de unión e respecto entre afeccións. O filme está producido de novo por Tex45 Producións en colaboración con Ainé, e conta a historia dun pai e un fillo nun porto mariñeiro: un é do Depor e outro do Celta, un verá o partido na casa e outro en altamar.

O noso derbi non só precisa de dous contendentes. Tamén precisa de nós. Sen cada unha das miradas individuais, sen a paixón especial dos afeccionados, o derbi sería só outra competición deportiva. E nós precisamos do derbi para vivir mil partidos máis alá do estadio: entre veciños, entre amigos, entre familiares. Os partidos duran noventa minutos. Un derbi é para sempre.

É a idea sobre a que xira o terceiro spot da campaña ‘Imposible sen ti’, que naceu hai agora un ano da man de Tex45 Producións en colaboración con Deportivo e Celta. Tratábase naquel momento de abrir un novo tempo na relación entre afeccións, de procurar a concordia e converter os derbis en auténticas festas.

Coa chegada do derbi desta temporada en Balaídos, o domingo 23 de outubro, ABANCA súmase ao espírito do ‘Imposible sen ti’ facendo súa a campaña tanto para o partido de Vigo como para o da Coruña, na segunda volta. A campaña xira de novo ao redor de dous spots que falan da relación entre Celta e Depor nunha familia. Unha historia que ten tamén ao mar como protagonista, algo que tamén une ás dúas grandes cidades Galegas.

Anxo (Toño Casais) é o pai de Roque (Roque Blanco). Marcha traballar ao mar na noite do derbi, e despídense no peirao cunha sentida conversa sobre a importancia dalgunhas decisións. Xa á noite falan nunha videochamada durante o descanso do partido e comentan as xogadas máis polémicas. O spot ven a deixar clara unha evidencia: sen un deles dous e da súa paixón, o derbi só sería un partido de fútbol.

O spot foi gravado no mes de outubro nas localidades de Muros, O Valadouro e Ribadeo, e contou coa dirección de Andrés Mahía e a dirección de fotografía de Lucía C. Pan, coordinando un equipo de máis de vinte profesionais que hai xa un ano foron os artífices do Premio Mestre Mateo ao mellor filme publicitario do ano, que gañou o primeiro dos anuncios desta campaña.

Artigo anterior
Os ‘artistiñas’ xúntanse de novo nun partido pola concordia no derbi
Artigo seguinte
Touriñán e Marcos Pereiro gañan o premio Rebulir 2016 na categoría de patrimonio oral

NOTICIAS RELACIONADAS

Portada » Caderno » A historia de Anxo e Roque, o novo de ‘Imposible sen ti’