O actor mazaricán é un ano máis finalista na categoría de mellor actor protagonista pola súa participación en Era Visto!, que tamén é finalista na categoría de mellor serie de televisión. Na categoría de mellor anuncio publicitario é tamén finalista, por terceiro ano consecutivo, o novo spot da campaña Imposible sen ti, producido por Tex45 Producións coa colaboración de Ainé Producións. Os gañadores coñeceranse na gala prevista para o sábado 3 de marzo no Pazo da Ópera da Coruña.

Federico Pérez é o protagonista de Era Visto!

A conta atrás para os XVI Premios Mestre Mateo está xa en marcha, logo de que a Academia Galega do Audiovisual dera a coñecer esta pasada semana os finalistas das vinte e cinco categorías coas que se premia o traballo de todo o sector ao longo do ano. A Coruña acollerá, como é habitual, a gala de entrega o próximo sábado 3 de marzo.

O actor Federico Pérez é un dos finalistas, un ano máis, nunha das categorías de maior prestixio, a que premia a mellor interpretación masculina protagonista. A súa participación no papel de Moncho en Era Visto! foi unha das catro escollidas polos académicos e académicas para a fase final de votacións. Competirá con Alberto Rolán (A estación violenta), Iván Marcos (Dhogs) e Javier Rey (O final do camiño).

Precisamente Era Visto! é unha das series candidatas ao Mestre Mateo, nunha categoría, a de mellor serie de televisión, na que tamén son finalistas O final do camiño, Serramoura e Vidago Palace.

Land Rober, o coñecido espazo semanal de entretemento da Televisión de Galicia no que participa Xosé A. Touriñán, é finalista na categoría de mellor programa de televisión, e na categoría de mellor serie web é candidata ao premio Peter Brandon, do colectivo Porco Bravú, na que participaron tanto Touriñán como Marcos Pereiro, e na que colaborou Ainé Producións.

O filme Dhogs, no que participou como xefe de produción Javier López Valeiro, responsable de produción en Ainé Producións, acapara dezasete candidaturas.

Imposible sen ti, de novo finalista na categoría de mellor anuncio publicitario

A campaña de Tex45 Producións para ABANCA sobre a concordia no derbi entre Deportivo e Celta volve ser recoñecida polas académicas e académicos, e o seu último anuncio é un dos finalistas na categoría de mellor anuncio publicitario. Competirá con Conserveiras do noso, de Juan Galiñanes, Machismo on the road, de 300 kilos para Galuresa, e Vegalsa Navidad, de Mondotropo. ‘Imposible sen ti’ sitúase deste xeito por terceiro ano consecutivo na fase final dos Mestre Mateo, logo de resultar o anuncio gañador no 2016. Nesta ocasión o spot estivo protagonizado polas actrices Carmen Méndez e Lucía Veiga, coa dirección de Andrés Mahía e a dirección de fotografía a cargo de Lucía C. Pan.