Marcos Pereiro, María Vázquez, Cris Iglesias, Sergio Zearreta e o propio Touriñán forman o elenco dunha adaptación escrita polo dramaturgo José L. Prieto co asesoramento de Carretero, e dirixida por Tito Asorey. Estrearase o 25 de outubro no Teatro Colón da Coruña. Ata o mes de febreiro representarase nos teatros das principais cidades galegas. As entradas están xa á venda a través de farina.gal

Fariña conta cun tema orixinal propio, Que mal vai ter?, producido e interpretado para o espectáculo por Novedades Carminha. O espectáculo conta coa colaboración da Axencia Galega das Industrias Culturais e o Concello da Coruña, e co patrocinio de Deleite e Estrella Galicia.

A historia do narcotráfico en Galicia nas últimas décadas do pasado século contarase de novo. O fenómeno de Fariña, a obra de Nacho Carretero que bateu todos os records de vendas, adquirirá desde o próximo 25 de outubro unha nova dimensión, desta vez sobre as táboas dos principais teatros do noso país.

O propio Carretero, xunto co actor Xosé A. Touriñán, producen un espectáculo de grande formato que contará no seu elenco con algunhas das caras máis coñecidas da escena galega: Marcos Pereiro, María Vázquez, Cris Iglesias e Sergio Zearreta, xunto co propio Touriñán, serán os encargados de dar vida a diferentes personaxes en particulares situacións, habituáis dunha das épocas máis tráxicas e complexas da historia de Galicia.

O espectáculo está dirixido por Tito Asorey, asistido polo tamén actor e director Víctor Duplá. Co deseño de iluminación e audiovisuais a cargo de Laura Iturralde, e a escenografía de José Faro “Coti”, Fariña conta ademais con tema orixinal propio, Que mal vai ter?, producido para o espectáculo por Novedades Carminha. O resto do equipo confórmano Ruth Pereira a cargo do deseño de Vestiario, e Santi Jul no espazo sonoro. O dramaturgo José L. Prieto é o autor dun texto traballado man a man con Nacho Carretero. O imaxe gráfica é obra de Artur Galocha, e da produción e a distribución encárgase Ainé Producións.

Fariña non permitirá ao espectador nin acomodarse na butaca. A unha impoñente descarga suceden conversas entre rapaces e veciños das vilas falando, mercando, consumindo e manexando con soltura o famoso Winston de batea. O fenómeno xa está en marcha.

O elenco de actores entran e saen da escea meténdose na pel de decenas de personaxes entre situacións familiares: un alcalde corrupto disposto a financiar unha verbena, os veciños máis novos probando a mercancía a escondidas…

O salto ao narcotráfico ocorre no escenario coa mesma soltura coa que tivo lugar na realidade. De pronto, en escea, escóitase acento colombiano e marroquí. Escóitanse ritmos de percusión e cancións. Escóitanse bromas e bravuconadas. As drogas toman o control: ostentación e subidón enchen o teatro.

E, de novo como sucedeu en realidade, aparece a traxedia. En forma de nais, rapaces afundidos e, por fin, operacións policiais. Todo cabe sobre un escenario que recolle un percorrido fiel por este escuro capítulo da historia de Galicia desde un punto de vista único. Unha viaxe no tempo desde unha óptica próxima, real e familiar, coa sensación final, e a reflexión que o espectador fai ao sair do teatro, chegando a adquirir unha eficacia inédita.

Fariña percorrerá Galicia desde finais de outubro cunha primeira xira polas principais cidades do noso país. Á estrea na Coruña (Teatro Colón) os días 25 e 26 de outubro sumaranse ata nove datas máis: Carballo (1 de novembro), Vigo (16 e 17 de novembro), Pontevedra (22 e 23 de novembro), Santiago (30 de novembro e 1 de decembro), Narón (13 e 14 de decembro), Lugo (20 e 21 de decembro), Vilagarcía (10 e 11 de xaneiro), Ourense (17 e 18 de xaneiro) e Cangas (31 de xaneiro e 1 de febreiro). Toda a información sobre horarios, teatros e auditorios e venda de entradas pode consultarse na web farina.gal, onde tamén se anunciarán as datas que completen a xira.

O espectáculo conta coa colaboración da Axencia Galega das Industrias Culturais e o Concello da Coruña, e co patrocinio de Deleite e Estrella Galicia.