O programa presentado por Rodrigo Vázquez despediuse este venres cun 15,3% de share. Un sensacional dato de audiencia que consolida o éxito dun formato que acompañou aos espectadores da Televisión de Galicia durante seis semanas, na habitual parada de Luar para as vacacións de verán.

Verbenalia

Galicia quere festa no verán, e a Televisión de Galicia o ten claro. A aposta por Verbenalia para o prime-time dos venres resultou ser todo un éxito, rexistrando audiencias moi por enriba da media da canle pública autonómica, con datos do 16,1 e o 15,3% de share nos dous últimos programas.

Verbenalia gravouse o pasado mes de abril no plató de Tex45 Producións (a produtora do programa, en colaboración de Ainé e Suído Producións) na localidade coruñesa de Ordes, reunindo a un sensacional elenco de colaboradores que foi quen de chegar ao público en seis semanas de festa por todo o alto.

Dirixido por Suso Iglesias e Teo Manuel Abad, o programa foi conducido por Rodrigo Vázquez, coa axuda de Patricia Santana, Eva Iglesias e Manuel DeAndrade. Os Tristes (o particular dúo formado por Marcos Pereiro e Federico Pérez) achegaron a nota de humor, e unha amplísima nómina de artistas e orquestras completaron os carteis de seis verbenas coas que gozaron decenas de milleiros de espectadores a través da pequena pantalla.

No currículo de Ainé

Logo de Buscando Ardebullo (Osdous Ardebullo, 2015), Verbenalia é o segundo proxecto televisivo de Ainé, no que o seu equipo realizou todas as tarefas de produción nun programa no que traballaron máis de trescentos profesionais.