O actor e monologuista cullerdense colgou unha vez máis o cartel de ‘entradas esgotadas’, desta volta co seu monólogo, Manolo Lojo, no ciclo de comedia en directo ‘A Estrada Comedy’.

Manolo Lojo segue contando a súa tráxica biografía por Galicia adiante: abarrotando teatros e auditorios, enchendo pubs e cafeterías, dando a coñecer a súa experiencia por se a alguén pode serlle de utilidade…

A Estrada foi a última praza visitada por Touriñán co seu monólogo, cun rotundo cheo xa un mes antes da cita, o pasado 1 de maio. E é que o innegable fenómeno de masas que protagoniza desde hai xa un tempo o actor cullerdense semella non ter fin. No que vai de ano encheu en todas e cada unha das funcións de teatro e monólogos nas que estivo presente.

Nos meses de maio e xuño leva xunto con Marcos Pereiro polos teatros das grandes cidades de Galicia o espectáculo teatral ‘Agora en serio’, unha xira que compaxina co seu traballo en diferentes proxectos para a televisión.