O libro co texto do espectáculo que desde o pasado marzo enche todos os teatros de Galicia ocupa xa un lugar privilexiado en moitas librarías do país. Unha obra de José Luis Prieto, e dos propios Xosé A. Touriñán e Carlos Blanco.


A posibilidade de rir co espectáculo do momento non remata nos teatros. E é que Somos Criminais aspira a ser, ademais dun éxito de vendas nas taquillas de todo o país, todo un fenómeno nas librarías. Porque o texto orixinal escrito por José Luis Prieto coa participación de Touriñán e Carlos Blanco está xa á venda grazas a Edicións Positivas.

Cun prezo de 5 euros, o libro recolle todos e cada un dos momentos que os actores interpretan sobre o escenario, o que permite ao público rememorar os mellores momentos da obra e recrearse coas claves dunha comedia absolutamente criminal.

Logo de cada función é posible mercar o libro, que tamén está á venda na web de Edicións Positivas.