É o patrocinador principal do espectáculo de Carlos Blanco e Xosé A. Touriñán que desde o pasado mes de marzo xira polos teatros e auditorios de todo o país. A aposta por esta peza súmase ao apoio a outras tantas iniciativas de diferentes ámbitos relacionados coa cultura galega.

Literatura, música, artes escénicas… Públicos amplos ou máis reducidos, porque o importante é o contido. Que o contido sexa cultura galega e de calidade é a premisa para a participación de Deleite en decenas de iniciativas desde a súa volta ao mercado, hai xa case tres anos. Todo un sinal de identidade.

A sociedade participada por gandeiros de diferentes puntos do noso país que presume da súa calidade e da posibilidade de facer chegar o mellor produto do campo á mesa sen intermediarios, consolida o seu apoio á cultura cun novo patrocinio, o do novo espectáculo de Carlos Blanco e Xosé A. Touriñán, ‘Somos Criminais’, que xira por ata vinte localidades galegas ata o mes de xuño, e que prepara nova xira para o outono.

O acordo, do que os espectadores que asistiron ás primeiras funcións xa poideron dar conta, segue na liña doutras iniciativas das que Xosé A. Touriñán ten participado nos últimos anos e nas que Deleite quixo estar. O actor cullerdense protagonizou o anuncio da láctea na súa volta ao mercado no ano 2016, e colaborou en múltiples ocasións en diferentes proxectos relacionados coa cultura participados por unha marca coa que sempre amosou a súa complicidade “polo seu xeito de facer as cousas”.