O espectáculo protagonizado por Xosé A. Touriñán e Federico Pérez repetiuse ata en tres ocasións tanto en Cedeira como en Noia pola espectacular demanda do público. Está prevista unha última función no mes de marzo, e unha nova xira no outono.

Foto | Marcos Pereiro

Na Illa de Arousa, en Baiona, Sarria, Melide, O Barco de Valdeorras, A Coruña, Lalín, Cedeira e Noia xa coñecen a verdade. Contárona Curtis & Teixeiro nas últimas semanas do pasado mes de xaneiro, nunha serie de conferencias (que ían ser nove e deron por ser trece) ás que asistiron máis de 3500 espectadores. Algo pouco usual se pensamos en dous tipos detrás dunha mesa nun auditorio, falando e falando… O humor foi quen de resolver a incógnita sobre un formato orixinal creado por José L. Prieto en colaboración con Federico Pérez (Curtis) e Xosé A. Touriñán (Teixeiro).

Sobre a mesa (ademais de xamón, empanada ou queixo), temas densos e profundos: terrorismo internacional, as páxinas secretas dos partidos políticos… Os investigadores non deixaron indiferente a ninguén logo de tres semanas percorrendo Galicia con centos de informes sobre os que contar secretos polos que, aseguran, están ameazados de morte.

Logo dunha última conferencia no mes de marzo, retiraranse a abrir novos casos durante uns meses, sobre os que informarán xa no próximo outono. Ata entón, a verdadeira historia do caso Noé, que por falta de tempo non desvelaron desta volta, seguirá a ser unha incógnita.