Federico Pérez e Xosé A. Touriñán porán o colofón á serie de actuacións do pasado mes de xaneiro cunha función dobre nas localidades que dan nome aos seus personaxes. A cita será o domingo 13 de marzo ás 17.30 (en Curtis) e ás 20.30 (en Teixeiro).

Marcos Pereiro
Foto | Marcos Pereiro

Que a xira de Curtis & Teixeiro non quedara completa era algo que todo o mundo sabía. Doce cheos e máis de 3500 espectadores despois, Federico Pérez e Touriñán xa preparaban unha nova serie de conferencias para o outono cando se decataron de que non estiveran aínda en… Curtis e Teixeiro.

Dito e feito! Xa hai data para as derradeiras funcións do inverno, que serán as dúas o domingo 13 de marzo, unha ás 17.30 no Salón de Actos do Recinto Feiral de Curtis, e outra ás 20.30 no Multiusos de Teixeiro. As entradas estarán á venda desde este luns no bar Copas de Curtis e na cafetería Qubik de Teixeiro, a 10 euros (12 euros para quen a merque o mesmo día se quedaran). Tamén se poderán mercar a través da web de Ainé.

Nesta serie de conferencias, os particulares investigadores Curtis & Teixeiro desvelarán as claves do terrorismo internacional, o programa secreto sexual dos partidos políticos, as gravacións secretas de Tejero horas antes do golpe de estado do 23F e, se dá tempo, tamén contarán a verdadeira historia de Noé.