Logo de máis de vinte conferencias en outras tantas localidades do país, os investigadores privados, que sorprenderon xa a máis de 5000 persoas coas súas pesquisas, despediranse dos escenarios no Teatro Afundación da cidade pontevedresa.

curtisteixeiro-alta

Os investigadores teñen por oficio investigar, e só ás veces dedican parte do seu tempo á divulgación. E é certo, o ego ás veces xoga malas pasadas cando un é detective privado e ten na súa carteira revelacións que farían saltar polos aires o sistema institucional. Algo así lles pasou a Jesús Curtis e a Juan Ramón Teixeiro cando hai xa case un ano decidiron ofrecer unha serie de conferencias por todo o país para dar conta dalgúns datos que, supoñían, non deixarían a ninguén indiferente.

Tiveron ocasión de asistir aos eventos, nunha primeira fase de conferencias, os veciños da Illa de Arousa, A Coruña, Lalín, Baiona, Melide, O Barco de Valdeorras e Sarria. Tamén os de Cedeira e Noia, que amosaron un interese especialmente chamativo, tendo os investigadores que repetir a conferencia ata en tres ocasións e para un público diferente.

Desde o pasado mes de outubro visitaron Baiona, Vimianzo, Burela, Santiago de Compostela, de novo A Coruña, Ponteareas e Vilagarcía de Arousa. As mellores previsións cumpríronse en case todos os casos, e en moitas das localidades mesmo algúns interesados quedaron na porta por non coller a tempo as súas entradas. Eles, e calquera outro habitante do mundo que queira coñecer toda a verdade, teñen unha última oportunidade.

O maxestuoso Teatro Afundación de Vigo acollerá o próximo 9 de decembro a última conferencia dos axentes Curtis e Teixeiro antes de que decidan deixar os micrófonos, apagar os focos, e recuperar a rutina. Non é casualidade que sexa precisamente no que para moitos é un dos teatros máis fermosos e impoñentes de Galicia onde os axentes ofrezan o seu derradeiro parlamento: hai moito e moi importante que contar, e o lugar para facelo tiña que ser o antigo García Barbón da cidade olívica.

As últimas entradas están xa á venda a través de Ataquilla. O espectáculo non está recomendado para menores de idade.