Carlos Blanco e Touriñán percorrerán de novo Galicia cunha segunda xira de ‘Somos Criminais’

Máis de trinta mil espectadores encheron todas as funcións programadas deste espectáculo a pasada primavera. Para os próximos meses ás citas nas grandes cidades sumaranse outras localidades, en moitos casos en pases dobres.

Un espectáculo de auténtico record. ‘Somos Criminais’ é xa historia do teatro en Galicia non por reunir a máis de trinta mil espectadores, se non por facelo en menos de tres meses. En cidades como Santiago ou Vigo os teatros acolleron ata catro funcións nunha mesma fin de semana, e na Coruña o Teatro Colón tivo que programar seis funcións, en pases dobres o venres, o sábado e o domingo. É a crónica de todo un fenómeno de masas, nunca visto na historia da escea en Galicia, que prepara para este outono unha nova xira.

Carlos Blanco e Xosé Antonio Touriñán visitarán desde principios do próximo mes de outubro todas as cidades galegas, ademais de diferentes localidades que non formaron parte da primeira xira. Vilagarcía de Arousa, Ferrol, Lugo, Pontevedra, Vigo, Santiago, Ourense, A Coruña, Negreira, As Pontes, Noia e Carballo prepáranse para a chegada dun espectáculo de case hora e media de duración co mellor humor como protagonista.

Temos unha cultura criminal propia? Delinquimos como galegos? Para responder a estas preguntas, Carlos Blanco e Touriñán analizan e dramatizan crimes autóctonos en todas as súas variables, desde o crime por arroutada ata o crime por acumulación de mala hostia, pasando polo crime familiar por causa das herdanzas, o asasinato por suxestión ou as orixes do narcotraficante galego.  A conclusión é clara: Somos Criminais.

Todas as datas e localidades, así como a información sobre a venda de entradas, pode consultarse en www.somoscriminais.gal

Artigo anterior
Marcos Pereiro e Federico Pérez, protagonistas dun verán na televisión e nos teatros
Artigo seguinte
‘Somos Criminais’ consolida o seu éxito cos teatros cheos na nova xira

NOTICIAS RELACIONADAS

Portada » Caderno » Carlos Blanco e Touriñán percorrerán de novo Galicia cunha segunda xira de ‘Somos Criminais’