O espectáculo que a pasada primavera bateu todos os records de espectadores na súa primeira xira polos teatros de toda Galicia será un dos pratos fortes da programación do Castelo Conta. A carpa principal do festival acollerá a única representación do espectáculo este verán o venres 24 de agosto a partir das 22.30 horas.

Carlos Blanco e Touriñán, nunha das funcións | Foto: Marcos Martínez

A ratificación desde as táboas de que temos unha cultura criminal propia foi o obxectivo de Carlos Blanco e de Xosé A. Touriñán a pasada primavera. Poden dar fé de que o conseguiron os 30.000 espectadores que encheron cada unha das funcións programadas nos teatros de media Galicia, nalgúns casos ata seis nun mesmo lugar, nunha mesma fin de semana.

Logo duns meses de merecido descanso, e antes de iniciar unha nova xira, prevista para o outono, os criminais menos buscados pero máis aclamados de Galicia teñen por diante un reto diferente.

O Castelo Conta, o festival de artes escénicas centrado na comedia, a tradición oral e a cultura rural que se celebra no pobo de Xosé A. Touriñán, a parroquia cullerdense de Castelo, acollerá o próximo venres 24 de agosto unha función de Somos Criminais.

Será na carpa principal do evento, equipada con centos de cadeiras e os medios técnicos precisos para que a percepción do público sexa a mesma que se estivera en calquera teatro. Os equipos de son e iluminación complementaranse con varias pantallas xigantes que permitirán aos espectadores gozar nun ambiente diferente dun dos espectáculos con mellor acollida da historia do teatro en Galicia.

As entradas, á venda en Ataquilla.com, Ainé Producións (A Coruña), os Centros Sociais de Castelo e Celas de Peiro (Culleredo) e QImpresión! (O Burgo), teñen un prezo de 12 € na modalidade anticipada e de 15 € na billeteira. As localidades estarán numeradas.