Unha noite na praia, o espectáculo dirixido e escrito por Javier Veiga que nos últimos meses encheu boa parte dos grandes teatros de Galicia, prepara as últimas funcións desta temporada para o mes de setembro.

Carlos Blanco e Touriñán resístense a que o verán remate. Burela, Vigo, Vilagarcía e Narón serán as últimas localidades que acollerán funcións de Unha noite na praia esta temporada. Será desde finais de agosto e ata a primeira fin de semana de outubro. Logo de reunir a milleiros de persoas nos teatros e auditorios das principais cidades galegas desde a pasada primavera, a peza escrita e dirixida por Javier Veiga segue a sumar espectadores, con sensacionais referencias de crítica, e a psicose xa habitual á hora de facerse coas entradas cando Blanco e Touriñán pisan as táboas.

Burela será a primeira das datas desta segunda parte da xira, os días 30 e 31 de agosto. O 6 de setembro terá lugar unha única función no Teatro Afundación de Vigo, á que asistirán os espectadores que no pasado mes de xuño quedaron sen ver o espectáculo por unha afonía de Carlos Blanco. Xa os días 13 e 14 de setembro Unha noite na praia chegará a Narón, para despedir a temporada a primeira fin de semana de outubro en Vilagarcía.

En www.unhanoitenapraia.gal poden consultarse todas as datas, horarios e venda de entradas para estas funcións-