Federico Pérez e Santi Romay protagonizan ‘O Montacargas’, de Harold Pinter, que xira desde o pasado verán cunha adaptación de Evaristo Calvo. O Teatro Principal de Santiago acolle dúas representacións deste espectáculo, encadrado no xénero do teatro do absurdo, o xoves 16 e o venres 17.

Federico Pérez e Santi Romay, nun momento da representación | Foto: MIT Ribadavia

Unha encarga misteriosa. Un cuarto. Un montacargas. E a espera. Ben (Federico Pérez) e Gus (Santi Romay) agardan ordes dunha instancia superior da que descoñecen todo ou case todo, e dedican tempo e tempo a unha particular conversa sobre algunhas noticias do xornal ou a actualidade dalgún equipo de fútbol. O tempo segue pasando, o montacargas ponse en marcha, e todo acontecerá dun momento a outro.

Evaristo Calvo adapta e dirixe o texto de Harold Pinter, escrito no ano 1957, para esta produción de Ainé Producións e a compañía Acusmaser Opus. O espectáculo estreouse o pasado verán na Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia, e desde entón pasou por diferentes escenarios nunha xira que se intensificará durante este ano.

A montaxe conta co deseño de iluminación de Octavio Más, o espazo sonoro a cargo de Pablo Seoane, e o deseño de escenografía de María Roja.

O Teatro Principal de Compostela acolle os días 16 e 17 de xaneiro as primeiras funcións de O Montacargas neste ano, con entradas á venda a través da web de Compostela Cultura.