“Así que ti e mais eu imos ter derbi para sempre…”

ABANCA presentou o pasado luns o desenlace da campaña ‘Imposible sen ti’ desta temporada, unha historia de concordia e cordialidade entre rivais, o soño dun derbi convertido nunha festa que comeza a abrirse camiño logo de varias décadas.

Sen os do Celta e os do Depor, sen Balaídos e Riazor, sen celeste e branquiazul, o derbi sería só un partido de fútbol. Unha evidencia no subconsciente de todo o país que hai xa ano e medio se converteu en campaña publicitaria. ‘Imposible sen ti’, unha idea dos clubes para fomentar a concordia entre afeccións, iniciou un camiño que contra todo prognóstico semella non ser tan longo.

Atrás quedaron as pedras contra os cristais dos autobuses do equipo visitante en Vigo e na Coruña e as declaracións desmedidas na semana antes do partido. Non é raro hoxe ver xente de Depor e de Celta xuntos nos estadios e nos bares e cervexerías próximos. “Queda camiño por percorrer, pero cada vez menos, pensando nun derbi que non se declare de alto risco”, comentaba Manuel López Cernadas, produtor do spot, na presentación deste luns na sede de ABANCA na Coruña.

O desenlace da historia de Anxo e Roque

En novembro Anxo marchaba para traballar no mar a noite do derbi, deixando ao seu fillo Roque na casa. Desta volta poden ver o partido xuntos.

No desenlace da historia do anuncio, o pai chega do barco e o fillo agarda por el vestido coa camiseta do seu equipo. Xuntos percorren as rúas dunha vila mariñeira camiño da súa casa comentando a eterna rivalidade entre Deportivo e Celta, que é tamén súa.

Así que non pensas cambiar de equipo… -pregúntalle Anxo a Roque. Nunca -responde serio. Pois sabes que che digo? Que me alegro! Porque así voute ter enfronte toda a vida.

O anuncio desta segunda volta é a segunda parte dunha historia gravada o pasado mes de outubro en Ribadeo, O Valadouro e Muros, pensada e dirixida por Andres Mahía, e producida por Tex45 Producións coa colaboración do equipo de Ainé Producións.

A primeira parte tivo case 90.000 reproducións en YouTube, un sensacional éxito de difusión para unha campaña apadriñada desde esta temporada por ABANCA, e da que participan os dous clubes.

Artigo anterior
“Máis audiovisual, máis traballo e máis igualdade”
Artigo seguinte
Abegondo acollerá este domingo un novo ‘derbi dos artistiñas’

NOTICIAS RELACIONADAS

Portada » Caderno » “Así que ti e mais eu imos ter derbi para sempre…”