Así foi o noso 2016

Cumprimos dous anos e temos a sensación de levar traballando nisto desde hai moito máis tempo. No 2016 percorremos centos e centos de quilómetros por toda Galicia, puxemos toda a nosa experiencia e ilusión en decenas de proxectos, e ata gañamos un Mestre Mateo xunto cos nosos irmáns de Tex45! Este é o resumo do noso 2016.

equipo-aine

Unha boa idea sería colocar nun mapa de Galicia todos os lugares nos que estivemos durante un ano para compartilo coa nosa xente nestas datas. Unha boa idea tendo tempo… Que non poidamos facelo nunca!

2016 foi o segundo ano de Ainé: trescentos sesenta e cinco días marabillosos nos que, por enriba de calquera outra cousa, aprendemos moito, moitísimo!

En xaneiro estivemos con Fede en Redondela e coas Cantareiras de Ardebullo en Matamá, e comezamos a primeira xira de Curtis & Teixeiro, enchendo en todos e cada un dos teatros e auditorios que visitamos: A Coruña, Lalín, Sarria, Cedeira, Melide, O Barco, A Illa, Baiona e Noia. En total, 3500 espectadores grazas aos cales pensamos que era unha boa idea, un tempo despois, volver aos escenarios…

Contra finais de mes traballamos na produción dun evento que Coruña Sport Centre fixo para os seus socios en Finca Montesqueiro, no que tamén participaron Marcos Pereiro e Touriñán.

Xa en febreiro celebramos o Entroido con Fede en Dumbría e con Touri en Arteixo. Precisamente Fede e Touri comezaron ese mes as xiras de dous espectáculos teatrais cos que percorreron algunhas das cidades e vilas de Galicia: Presidente e Amigos ata a morte. Touri tivo tempo, tamén en febreiro, para achegarse ata A Illa de Arousa e vestirse de Mucha nunha nova actuación das Cantareiras acompañado por Marcos Pereiro.

En marzo comezou a aventura de Verbenalia: encargámonos da produción do programa que a Televisión de Galicia emitiu no prime-time dos venres durante o verán, un espectáculo de variedades dirixido por Suso Iglesias e Manolo Abad moi centrado no mundo da verbena en Galicia. Gravámolo entre Expocoruña (aproveitando dous eventos nos que tamén fixemos todas as tarefas de produción) e o plató de Tex45 (a produtora do programa) en Ordes. Unha experiencia irrepetible coa que aprendimos máis que con ningunha outra cousa desde que traballamos nisto, un reto marabilloso que fomos quen de superar.

Tamén en marzo volvemos cunha nova xira dos Monólogos R, con Marcos Pereiro, Javier Veiga e Víctor Grande, en catro fantásticos espectáculos nos teatros e auditorios de Lugo, A Coruña, Vigo e Ourense. Estivemos con Fede en Tomiño e en Cervo, e con Touri en Vilasantar.

En abril fomos con Fede a Arcade e a Ribadavia, e Javi estivo co equipo de Gaita Filmes e Pixel Films na segunda fase da rodaxe de Dhogs, como xefe de produción. Por aquí, gravamos o segundo spot de Imposible sen ti, animando á doazón de sangue. Fixémolo con Andy Mahía, Marcos Pereiro, Suso Bello, Jairo Iglesias ou Chicha Blanco, entre tantos outros. Acompañamos a Touri a Lisboa para participar no late-night da RTP, e por suposto: gañamos xunto cos amigos e irmáns de Tex45 o premio Mestre Mateo ao mellor spot publicitario por Imposible sen ti.

En maio, ao rematar Verbenalia, fomos a Vigo para producir o programa especial da Televisión de Galicia polas Letras Galegas: un espectacular concerto da orquestra folk Son de Seu, dirixido por Suso Iglesias e realizado por Gerardo Rodríguez. Encargámonos tamén da organización da zona de lecer no Torneo do Deportivo en Abegondo, con máis de 7000 persoas, e acompañamos a Touri a Tenerife para participar no festival MUECA, en Puerto de la Cruz. Estivemos con Isi en Pontevedra, mentres Marcos gravaba Augasquentes, Pepo percorría Galicia con actuacións en Nigrán, A Laracha ou Cambados, e Touri comezaba coa xira do Monólogo do Imbécil.

Xa en xuño participamos na organización dun evento de El Combo Dominicano en Carballo, estivemos con Touri na gala da Federación Galega de Fútbol e acompañámolo a Madrid para a gravación da súa participación no que meses vería toda Galicia: a súa participación en El Club de la Comedia. Tamén gravamos coa xente de Undodez e con Touri o anuncio da volta ao mercado de Deleite, no que quedaba ben claro que non da igual que leite mercar…

En xuño acompañamos a Fede e a Marcos a Touro co espectáculo de Os Tristes e estivemos coas Cantareiras de Ardebullo en Cortegada. Marcos, Fede e Touri comezaron a gravación da última temporada de Era Visto!, e fomos á voda máis fermosa do mundo, a de Marcos Pereiro e Tamara Canosa. Estivemos tamén cos Tristes en Castelo, o pobo de Touri, onde repetirían un mes despois…

E é que en agosto paramos un pouco… ou ao menos durante os primeiros quince días. Despois fomos a Vilapene coas Cantareiras de Ardebullo, e organizamos dous eventos de El Combo Dominicano en Arteixo e Culleredo.

Xa en setembro estivemos con Touri e con Marcos nunha nova edición de Noites de retranca, e comezamos a preparar a gravación do terceiro spot de Imposible sen ti, nesta ocasión con ABANCA.

Gravámolo en outubro en Fisterra, Muros, Ribadeo e O Valadouro, en tres intensísimas xornadas cun equipo marabilloso. Retomamos ese mesmo mes a xira de Curtis & Teixeiro, nesta ocasión para visitar A Coruña, Compostela, Vigo, Vilagarcía, Burela, Ponteareas e Vimianzo. Estivemos con Os Tristes en Allariz e con Pepo en Arzúa.

En novembro botamos unha man nunha nova edición de #oderbidosartistiñas, con motivo do Celta – Depor en Balaídos. Fomos con Touri a Compostela e a Sanxenxo, e tamén á Peroxa.

E neste último mes do ano estivemos con Pepo en Arteixo, Zas e na Coruña, con Touri en Silleda e en Baleira, e con Fede en Gondomar. Fixemos a produción de Nós, o novo programa de Osdous Ardebullo para a Televisión de Galicia, e ao mesmo tempo a de Gaña a túa sorte, un concurso (neste caso de Tex45), que comezará a súa emisión no novo ano.

E tantas outras cousas que, se cadra non quedaron anotadas, e en calquera caso farían este resumo demasiado longo…

Somos moi felices traballando nisto, e iso ten consecuencias: bo ambiente, bos amigos, e unha curiosidade inmensa por saber o que virá no 2017. Quédanos agradecerlle o seu traballo á xente que nos acompañou este ano: Laura, Jorge, Noelia, Elena e Paula, e os que estamos agora (Cris, Elisa, Javi Garrobo, Carla, Carlos e Álvaro), xunto cos nosos irmáns de Atinta e arte (Adri e Sofía), Touri, Marcos, Fede e Pepo, desexámosvos todo o mellor para o novo ano.

Feliz 2017!

Artigo anterior
Touriñán e Marcos Pereiro, xuntos de novo na TVG en ‘Nós’
Artigo seguinte
Mucha e Nucha comezan o ano en Melide

NOTICIAS RELACIONADAS

Portada » Caderno » Así foi o noso 2016