Asi é a programación completa do Castelo Conta

Música, improvisación, conversas á tarde, actividades para as cativas e cativos, gastronomía, deporte… O Castelo Conta activa a conta atrás para seis días de festa no pobo de Xosé Antonio Touriñán pensados para todas e todos.

O Castelo Conta comezará o luns 19 de agosto coa actividad que durante as mañás de toda a semana manterá entretidos aos máis pequenos. Xente miúda do Castelo Conta é o campamento rural no que ata o venres, de 10.00 a 14.00 horas, os cativos gozarán con xogos tradicionais, farán unha película co colectivo audiovisual Porco Bravú, aprenderán de monicreques con Mircromina Teatro, camiñarán polo monte acompañados por Lois Vilar, ou cociñarán co chef Alberte Gutiérrez. O venres será o día de preparar a festa, e por iso decorarán Castelo coa escenógrafa Noela Gutiérrez, e prepararán unha sesión vermú na que serán os auténticos protagonistas.

As tardes serán para os maiores, nos Contos de Castelo, conducidos por Tone Martínez, as veciñas e veciños de Castelo xuntaranse cada día nunha das aldeas da parroquia. Só para falar, con diferentes temáticas, e en ocasións, acompañados dalgúns amigos. O luns 19 será Xurxo Mariño quen estará en Castelo de Abaixo para falar dos obxectos de antes. O martes 20 será Sito Sedes o encargado de contar os seus recordos das festas de hai anos. O mércores falarase da infancia, e o xoves da música tradicional. Xa o venres, comentarán as fotos antigas para lembrar vellos tempos.

De luns a mércores as tardes rematarán con Os Seráns do Castelo Conta, actuacións nas aldeas para que a festa sexa sempre a protagonistas. O luns os asistentes gozarán co espectáculo Coleccionistas, interpretado polos cómicos Oswaldo Digón, Marcos Pereiro e Federico Pérez, acompañados polo pianista Cristian Leggiero. Despois, os Dixie Kings serán os encargados de pechar a xornada coa súa música. O martes será Sito Sedes quen interprete as cancións de sempre con Carlos Manteiga ao piano. O mércores os pequenos serán os protaginistas: Mircromina Teatro fará o seu espectáculo de monicreques, e despois Pablo Díaz Trío será o encargado de completar a xornada coa súa música e o espectáculo “Coas miñas mans”.

Desde o xoves a festa desprazarase á Polideportiva de Castelo á noite. O concerto de Xabier Díaz e as Adufeiras de Salitre a partir das 21.00, e con entrada de balde, será o primeiro prato forte da semana. Outras formacións como De Ninghures completarán o cartel do día dedicado á música tradicional.

O venres haberá unha sesión vermú moi especial: Marcos Pereiro e Federico Pérez, co seu espectáculo Os Tristes, acompañarán aos máis pequenos coas cancións que levarán preparadas de toda a semana.

Á noite tocará verbena. Marcos Pereiro, Touriñán, Oswaldo Digón, Carlos Blanco, Marita Martínez, Lucía Veiga, Pepo Suevos e Federico Pérez serán a particular dianteira dunha orquestra moi especial, desde as 23.00 horas, e con entrada de balde.

O sábado, día grande do Castelo Conta, virá cargado de actividade: desde as 13.00 comezará unha sesión vermú – xantar para coller forzas antes da andaina, que comezará ás 16.00 horas. Seis quilómetros polas aldeas de Castelo coa animación de Os Charangos, e as contadas de Celso Sanmartín e Avelino González.

Ao remate, a churrascada da festa, preparada polos veciños e veciñas de Castelo, e o espectáculo de monólogos, con Xosé A. Touriñán, Marcos Pereiro, Oswaldo Digón, Gari, Marita Martínez e Lucía Veiga, Carlos Blanco e David Amor.

O Castelo Conta rematará co concerto de Os Fillos do Estramonio, e a música dun dos DJs de Mínimo Eventos.

Artigo anterior
Carlos Blanco e Touriñán alongan o verán na praia
Artigo seguinte
Marcos Pereiro, Federico Pérez e Oswaldo Digón poxarán curiosas esculturas este luns en Castelo

NOTICIAS RELACIONADAS

Portada » Caderno » Asi é a programación completa do Castelo Conta