Pepo Suevos

Un tipo con máis dun milleiro de monólogos ás súas costas é, ante todo, un tipo con experiencia. Un animal do humor en directo, disposto a arrasar o escenario que colla por diante, sexa dun bar, ou auditorio ou sexa o palco dunha orquestra.

Pepo é ademais de monologuista un fantástico actor, animador, dobrador, guionista e incluso locutor de radio. Nos últimos anos ten participado en proxectos a nivel estatal como Piratas ou Aquí paz y después gloria (unha serie protagonizada por Antonio Resines), e en Galicia formou parte de Mareas Vivas, Terra de Miranda, Caseiros, Pazo de Familia ou Matalobos.

Na actualidade forma parte do elenco da peza teatral O Tolleito de Inishmaan, que xira por toda Galicia.

E é que o seu é o directo! Encántalle actuar en calquera bar ou local, onde conta historias ata que o público aguante. Un auténtico todoterreo do humor disposto a calquera cousa para facer gozar aos seus espectadores.