‘Antes de perder’, o novo de Sonia Méndez en Playz, con Touriñán, Marcos Pereiro e Federico Pérez

Unha miniserie de sete píldoras e retransmisións a través de Instagram que conta a fuxida sen retorno de dúas mulleres na estrada, onde comparten unha historia que racha cos códigos do concepto de feminidade. Protagonizada por Esther Acebo e Mariam Hernández, conta con Xosé A. Touriñán, Marcos Pereiro e Federico Pérez no seu reparto.

Unha serie de acción, marcadamente feminista, e con moitas caras coñecidas para o público galego. Todo é cousa da directora e actriz galega Sonia Méndez e da súa produtora, Cósmica Producións. Esta road movie é a primeira serie de produción galega para a plataforma Playz, de RTVE.

‘Antes de perder’ é a historia de Jana e Diana, dúas mulleres de trinta e tantos anos que son tan diferentes en todo que, en condicións normais, non terían cruzado nin un par de palabras. Pero agora teñen incluso algo en común: as súas vidas están nun punto morto, e só precisan algo para comezar a vivilas con intensidade… ou para rematar no cárcere. Xuntas bótanse á estrada nunha fuxida sen retorno, onde forxarán unha amistade que lles permitirá compartir unha historia que racha cos códigos sobre o concepto de feminidade.

Marcos Pereiro e Xosé A. Touriñán, que interpretan a dous singulares enfermeiros, e Federico Pérez, no papel do sarxento Lestedo, forman parte dun elenco do que tamén participan Manuel Manquiña, David Amor ou Patricia Vázquez, entre outros.

Á serie, que xa se pode ver a través de Playz, únense un spin off do que precisamente son protagonistas Marcos Pereiro e Touriñán, baixo o título de Pequeñas dosis.

Artigo anterior
Un ano absolutamente criminal
Artigo seguinte
‘Justo antes de Cristo’, a nova comedia de Movistar+ con Xosé Antonio Touriñán

NOTICIAS RELACIONADAS

Portada » Caderno » ‘Antes de perder’, o novo de Sonia Méndez en Playz, con Touriñán, Marcos Pereiro e Federico Pérez