Amazon Prime Video estrea a segunda temporada de ‘Pequeñas Coincidencias’

Xosé A. Touriñán forma parte do reparto desta comedia romántica protagonizada por Javier Veiga e Marta Hazas e producida por Atresmedia Studios, Onza e Medio Limón, que desde esta semana está dispoñible no catálogo da plataforma.

A segunda temporada de Pequeñas Coincidencias chega a Amazon Prime Video. Logo dos oito primeiros capítulos que permitiron o pasado ano aos espectadores coñecer a Javi (Javier Veiga) e Marta (Marta Hazas), a serie presenta doce novos episodios, nesta ocasión de trinta minutos de duración cada un deles, coa continuación dunha historia que colleitou grandes datos no consumo a través da plataforma de vídeo baixo demanda.

A que no seu día foi a primeira serie producida en España para Amazon Prime Video mantén a maior parte do seu reparto, do que forma parte de novo Xosé A. Touriñán. Súmanse caras novas, como María Barranco, Mauricio Ochmann ou Ramón Langa.

“Máis comicidade e emotividade”, promete Javier Veiga para esta segunda temporada, na que os protagonistas afrontan unha nova fase da súa relación de parella na que xa non é todo tan idílico. Chegan os conflitos, e algunhas situacións acaban en auténticos enredos, coa vantaxe de que os espectadores xa coñecen agora aos personaxes.

A segunda temporada de Pequeñas Coincidencias gravouse entre os meses de agosto e outubro deste ano, baixo a dirección do propio Javier Veiga. Desde esta semana está dispoñible no catálogo de Amazon Prime Video, en versión orixinal, doblada ao italiano e subtitulada en inglés e portugués.

Artigo anterior
‘Fariña’, finalista en cinco categorías dos Premios María Casares de teatro
Artigo seguinte
A praia tardará un tempo en abrir

NOTICIAS RELACIONADAS

Portada » Caderno » Amazon Prime Video estrea a segunda temporada de ‘Pequeñas Coincidencias’