Marcos Pereiro e Xosé A. Touriñán volven xuntos aos teatros con ‘Agora en serio’

Os actores cullerdenses estrearán no mes de maio un novo espectáculo teatral. Trátase dunha peza inédita dirixida por Evaristo Calvo e escrita por Manolo Cortés, que condensa dun xeito moi particular a traxectoria de Os Dous de Sempre nos últimos quince anos. O Teatro – Coliseo Noela de Noia acollerá a estrea o próximo venres 5 de maio.

Coñecéronse no colexio de Tarrío, en Culleredo. Fixeron teatro xuntos desde pequenos, e mesmo compartiron outras afeccións coma o balonmán. Colleron por costume ir a Luar cada venres, montaron un local de espectáculos en Carral, e ata unha produtora, desde a que explotaron non só o seu talento como actores, senón tamén como creadores.

É (moi sintetizada) a historia de Os Dous de Sempre. Marcos Pereiro e Xosé Antonio Touriñán. O 17 de maio cúmprense quince anos da súa primeira actuación xuntos, un aniversario moi especial que celebrarán facendo o que mellor saben facer: comedia.

Agora en serio é o título do seu novo espectáculo no que terá cabida todo ou case todo. Dirixido por Evaristo Calvo e escrito por Manolo Cortés, percorrerá entre maio e xuño os escenarios de nove localidades de Galicia nas que o público atopará moito do que coñece dos cómicos, pero tamén moitas sorpresas. Unha cara de Pereiro e Touriñán menos coñecida pero igual de divertida.

Noia abrirá o venres 5 de maio unha xira que levará a Os Dous de Sempre a Lugo (7 de maio), O Carballiño (12 de maio), Cangas (13 de maio), Pontevedra (19 de maio), Compostela (27 de maio), Vigo (2 de xuño), Vilagarcía (9 de xuño) e A Coruña (10 de xuño).

Toda a información sobre horarios, espazos e prezos está xa dispoñible en agoraenserio.gal, desde onde é posible acceder aos portais de venda de entradas para cada unha das funcións.

 

Artigo anterior
O Grove e Burela coñecerán esta fin de semana a tráxica biografía de Manolo Lojo
Artigo seguinte
Lugo, Vigo, A Coruña e Noia despedirán a terceira xira de ‘Amigos ata a morte’

NOTICIAS RELACIONADAS

Portada » Caderno » Marcos Pereiro e Xosé A. Touriñán volven xuntos aos teatros con ‘Agora en serio’