O Coliseo Noela de Noia e o Gustavo Freire de Lugo colgaron os carteis de ‘entradas esgotadas’ para a estrea do novo espectáculo de Marcos Pereiro e Xosé Antonio Touriñán a pasada fin de semana.

Pepe Tejero | El Progreso

Unha nova xira en marcha, a dun proxecto novo, un moi especial para Marcos Pereiro e Xosé A. Touriñán. ‘Agora en serio’ estreouse esta pasada fin de semana en Noia e Lugo con dous cheos rotundos para deixar ben claro que os cómicos cullerdenses están na mesma boa forma que hai tres, sete ou doce anos. Espontáneos coma o primeiro día, directo como o público agarda deles, e sutiles nas improvisacións coas que un xa debe contar cando merca a entrada para un dos seus espectáculos.

Case dúas horas de humor nas que non faltou de nada: as orixes, teatro clásico, personaxes inéditos, e por suposto, un pouco do máis coñecido polo público, que ata chegou a emocionar nestas dúas primeiras funcións, que abren unha xira de nove datas que levará a Os Dous de Sempre ata O Carballiño, Cangas, Compostela, Pontevedra, Vigo, Vilagarcía e A Coruña (todas as datas pódense consultar na web www.agoraenserio.gal).

Con pechadas ovacións despediron nesta primeira fin de semana de ruta o público a Marcos e Touriñán. Boas sensacións que abren a porta a outros quince anos (ou se cadra máis) de bo humor.