Ata 450 candidaturas dun total de 160 obras presentáronse nos premios máis prestixiosos do audiovisual en Galicia, aos que aspiran os profesionais e as obras finalistas en 25 categorías. Na gala recoñecerase co Premio de Honra Fernando Rey  o traballo de José María Rodríguez Armada -Chema-, proxeccionista do CGAI.

Foto: Academia Galega do Audiovisual

O audiovisual galego celebra o talento que atesoura, como cada ano, nos Premios Mestre Mateo. O Palacio da Ópera da Coruña acollerá este sábado a edición número dezaoito dos galardóns máis relevantes do cine e a televisión no noso país, nos que Hierro e O que arde aspiran a converterse nas producións máis premiadas.

A Academia Galega do Audiovisual organiza unha cita imprescindible para as e os profesionais do audiovisual galego. Os candidatos a levar as vintecinco estatuiñas celebraron a pasada semana a xuntanza de finalistas e fixeron a foto de familia previa á gran gala do sábado, nun acto no que o festival audiovisual escolar Olloboi levou o premio especial José Sellier, que “recoñece iniciativas relevantes para o sector e reivindica a figura deste pioneiro da cinematografía, o primeiro en rodar en España cunha cámara Lumière”, como explicou a Academia.

Na gala do 7 de marzo na Coruña recoñecerase con outro premio de honra, o Fernando Rey, a José María Rodríguez Armada -Chema-, proxeccionista do CGAI, unha figura fundamental na estrutura desta institución, onde realiza labores de restauración, conservación e divulgación do noso patrimonio audiovisual.

Malo será! e Os Mariachi, producións finalistas

En canto á participación do equipo de Ainé Producións nas obras finalistas, Malo será! aspira a converterse no mellor programa de televisión, e acumula outras dúas opcións nas categorías de mellor comunicadora de televisión -Marta Doviro- e mellor realización -Marta Arévalo-. Os Mariachi é tamén candidata na categoría de mellor serie. Ademais, Cris Iglesias e María Vázquez, actrices da adaptación teatral de Fariña, son tamén finalistas nas categorías de mellor actriz protagonista e de reparto, respectivamente, polas súas interpretacións en Eroski Paraíso e Quen a ferro mata.