A conferencia que ninguén quere perder

Unha semana despois do inicio da xira de Curtis & Teixeiro, os cheos en todos os teatros que polo momento visitaron evidencia que a conferencia destes peculiares investigadores oculta información que todo o mundo quere coñecer.

É venres 15 de xaneiro de 2016 na Illa de Arousa. Aínda que a función non comeza ata as 21.15 e a taquilla non abre ata as 20.30, varias decenas de persoas fan cola desde as sete da tarde para mercar a súa entrada. Non quedan máis que nove, e en canto o conserxe do auditorio abre a porta contamos 45 segundos ata que Laura e Javi colocan os carteis de ‘entradas esgotadas’.

Repítese a historia en Baiona: neste caso son os responsables da promotora coa que nos asociamos para visitar o Auditorio V Centenario os que nos informan, un minuto despois da hora da apertura da taquilla, de que xa non quedan billetes.

Foto de Cris Andina
Foto de Cris Andina

Na Coruña? 9 días pasaron desde que na entrada do Forum Metropolitano, no Parque Europa da cidade herculina, un cartel vermello indicaba que as entradas estaban esgotadas.

O mesmo en Sarria: entradas esgotadas desde a semana anterior á función. Onte máis de trescentas persoas encheron a sala Litmar. “Non paran de chamarnos, a xente en Sarria non está acostumada a que se acaben as entradas”, coméntannos os amigos de Etiqueta Negra.

É o fenómeno Curtis & Teixeiro. Nun momento de absoluta convulsión política en España, de preocupación polo avance do terrorismo internacional no resto do mundo, de crise de valores, todo o mundo quere coñecer as claves que estes dous investigadores privados achegan nesta particular conferencia.

Para hoxe en Melide as entradas tamén están esgotadas, e a semana próxima virá a traca final: quedan entradas para Lalín e O Barco de Valdeorras. En Cedeira haberá dobre función (e só quedan entradas para a segunda), e en Noia agardamos que o concello permita facer un terceiro pase (xa non quedan entradas para os dous programados).

Artigo anterior
João Simões, Gayoso e as badaladas
Artigo seguinte
Mucha e Nucha abrirán unha nova xira na Illa de Arousa

NOTICIAS RELACIONADAS

Portada » Caderno » A conferencia que ninguén quere perder